A “pulverización”, os pactos de goberno e as filtracións mediáticas

As eleccións municipais do 24M se algo deixaron tras de sí foi, salvo contadas excepcións, unha fragmentación do voto... unha especie de “non sei a quen votar pero si sei a quen non votar”.

É o que os politólogos chaman “atomización do voto” expresión que da un pouco de arrepío vista dende a definición da RAE (sic) “1. tr. Dividir en partes sumamente pequeñas, pulverizar”, que se ben na súa primeira acepción ten o seu sentido, na segunda, aplicada a unhas eleccións da moito que pensar.

O certo e que con esa “pulverización” do voto, con perdón, as corporacións contan para esta vindeira lexislatura con máis grupos –que son máis ideas e aire fresco, que dúbida cabe– pero tamén máis complicacións á hora de conformar un goberno estable. Velaí a cuestión, a estabilidade.

Que un Concello precisa un goberno estable é un feito. Precisa un goberno que estea dedicado, dende a mañá a noite, a xestionar, a dar solucións aos problemas dos veciños e veciñas, a conseguir melloras para o seu municipio que redunden na calidade de vida dos seus habitantes.

Sen estabilidade iso é complexo, por non dicir imposible. Non somos alleos a corporacións bipartitas ou “multipartitas” nas que os grupos implicados estaban máis pendentes da consecución das súas cotas particulares de poder que de gobernar en prol dos veciños.

Entón... ¿que é distinto neste 2015? Pois é distinto que, por primeira vez, os partidos danse de conta que os votantes comezan a ser conscientes do poder do seu voto. Por primeira vez ven que cun “papeliño” na man, os cidadáns os poden deixar fora de xogo, e de feito así aconteceu en moitos máis concellos que en todas as anteriores citas anteriores.

Ese voto cidadán é o aviso aos navegantes de que queren tomar o control da situación e facer que unha democracia na que non pintan nada, e que polo tanto non é tal, pase a ser unha democracia real. Un sistema no que os políticos sexan o que sempre tiveron que ser: simples xestores elixidos polos seus veciños, o que na República de Roma, antes da chegada os emperadores, chamábase “primus inter pares”, primeiro entre iguais.

Dese mandato cidadán tomaron boa conta os partidos que agora séntanse a formalizar pactos de goberno, e que negocian ditos acordos con tremenda seriedade e enorme discreción, conscientes de que, os mesmos que os puxeron, os poden quitar. ¿En que se nota iso? Fácil. Na total ausencia de filtracións.

Botamos de menos os xornalistas aqueles tempos en que, ao rematar unha reunión de traballo para un pacto, e antes de saír pola porta da sala de xuntanzas, xa tiñamos información detallada sobre o tratado na mesma... e por varias fontes. Era o exemplo máis claro que a ninguén lle importaba o resultado do pacto e moito menos, cabrear ou deixar de cabrear aos seus futuros compañeiros de goberno.

Agora é distinto. Coa mirada da cidadanía posta en eles, sentindo o alento dos cidadáns no cogote e moi pendentes do que fagan, negocian, discuten e chegan a acordos sen que se produza unha soa filtración aos medios. Ponteareas, Redondela ou Gondomar, son bos exemplos. Ninguén fala. Ninguén fai comentarios. Ninguén quere que por unha indiscreción, todo se vaia ao traste... é iso e unha novidade, unha interesante novidade, habería que dicir.

Se se negocia con seriedade, haberá acordos serios e pode, soamente pode, que o Goberno “multipartito” que saia desas conversas, ademais de serio poida ter a estabilidade suficiente como para poder gobernar sen sustos e en beneficio dos veciños que, xustamente para iso, os puxeron aí.

Os cidadáns falaron ben claro o 24M. Agora coñecen o poder do seu voto e iso é a conclusión máis positiva que se pode extraer da pasada cita electoral. Os representantes saídos das urnas tamén saben agora que, o mesmo voto que aí os puxo, de aí os pode quitar.

Pode que, por fin e con esa saudable Espada de Damocles enriba das súas testas, sexan capaces de gobernar para todos os veciños e veciñas deixando aparte estériles loitas partidistas. ¡Oxalá!