Luis Pastor e Talabarte no Bar Liceum

O Bar Liceun do Porriño contará, esta fin de semana, con dúas actuacións de auténtico luxo. Mañá venres, 5 de xuño, actuará Luis Pastor e o sábado 6 de xuño, Talabarte.

Luis Pastor e Talabarte e a oferta musical que, para esta fin de semana, fai o Bar Liceum do Porriño a un prezo máis que asequible de 10 euros o concerto de Luis Pastor (5 euros para os socios e socias do Bar Liceum) e 6 euros o concerto de Talabarte (3 euros para os socios e socias).

LUIS PASTOR
Luis Pastor, que dará comezo a súa actuacion ás 23:30 horas do venres, une poesía e compromiso no seu álbum ¿Qué fue de los cantautores?, resultado de máis de 40 anos ce carreira. Se alguén quere coñecer en catro minutos o fenómeno da canción de autor en España, que non perda o tempo e escoite ¿Qué fue de los cantautores?, a canción que abre e da título ao último álbum de Luis Pastor.

Enlazando o 'spoken word' co romanceiro tradicional, o século XXI co XVI, o cantautor estremeño, que nunca renegou da súa condición, dá un repaso, en todos os sentidos, á historia da canción de autor desde os seus comezos nos 60 (“Éramos tan libertarios, casi revolucionarios, ingenuos como valientes, barbilampiños sonrientes...”) ata hoxe (“...Hay cantautor para rato. Cantautor a tus canciones, Zapatero a tus zapatos”) nunha canción lúcida, realista sen perder o sentido do humor e verdadeira crónica social dun tempo e dun país tantas veces ingrato e inxusto coa súa cultura.

A canción percorre medio século da canción de autor en España sen deixar títere con cabeza, coa fachenda do resistente (“De los muchos que empezamos, de los pocos que quedamos, de los que aún resistimos, de los que no claudicamos, aquí seguimos. Cada uno en su trinchera, haciendo de la poesía nuestro pan de cada día...”) e poñendo os puntos sobre os is en forma de verdades como puños.

 


 

TALABARTE
O grupo Talabarte, que actuará no Bar Liceum o sábado tamén as 23.30 horas, é o resultado da confluencia artística de tres músicos imprescindibles do noso país. Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García crean un novo concepto de formación na Galiza, estritamente acústico e baseado na música tradicional.

O violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pascual e o contrabaixo de Kin García propoñen unha viaxe a través das músicas populares galegas, mais tamén doutras latitudes. O repertorio complétase con composicións propias, enfiadas con distintos enfoques estéticos que van dende o jazz até a música tradicional europea, pasando por sensibilidades tan singulares como o tango. Do espectáculo cómpre dicir que Quim Farinha é un sospeitoso habitual dos escenarios na Galiza dende finais dos anos oitenta. O seu violín deuse a coñecer en grupos como Fía na Roca, soou dende as súas orixes en Berrogüetto e forma parte de grupos como A Banda das Crechas, Os d’Abaixo ou o propio Talabarte.

Pedro Pascual, pola súa banda, é un virtuoso do acordeón diatónico, sendo profesor no Conservatorio de Música Tradicional. Colaborador habitual de diferentes músicos e cantantes, formou parte dende a súa fundación do grupo Marful. Kin García é un dos contrabaixos máis destacados da Galiza e acompaña habitualmente á intérpretes como Susana Seivane, Uxía, Dulce Pontes, Berrogüetto...