Municipais 2015, espello do cansazo da cidadanía

O domingo os cidadáns foron chamados ás urnas, e os cidadáns responderon. ¡Vaia que se responderon!

A autodenominada clase política precisaba dun “revolcón” e os veciños e veciñas dos concellos, déronllo. E iso que, din os politólogos, nas municipais vótase máis á persoa que ao partido.

Dicíame nunha agradable conversa, semanas antes das eleccións, Antonio Araújo, concelleiro electo de Movemento Miñor: “a veciñanza está comezando a ver que co seu voto, poñen e quitan aos políticos. O cidadán comeza a ver que ten o poder e iso, que é tremendamente sano para o sistema democrático, é un proceso irreversible”.

Velaí a irreversibilidade da que falaba Araújo. As “mareas” e as “riadas”, son unha boa mostra diso, na mesma medida que o son as agrupacións de electores, os movementos veciñais e as plataformas veciñais. Son o intento, cada vez máis firme e consolidado, de facer que o poder real resida onde debe residir: no votante. Son o recordatorio de que os políticos son simples xestores temporais, elixidos polos votantes para desenvolver un proxecto que beneficie á sociedade.

Aqueles que, ao entender da veciñanza o fixeron ben ou medianamente ben, o domingo salvaron os trastos da queima independentemente das siglas baixo as que se presentaron. Isto, por certo, non só lle aconteceu aos que tiñan labores de goberno, senón tamén ás oposicións que, nalgúns concellos recortan distancias coa lista máis votada –as que o fixeron ben– e outras, desaparecen do panorama substituídas por lista veciñais.

Un alcalde do Partido Popular, que nesta cita electoral salvou os mobles con certa solvencia, aseguraba bastante antes das eleccións que, independentemente da súa xestión ao fronte do municipio,“a patada na popa que o votante lle quixera dar a Madrid, nola vamos a levar nos”.

Os hai que consideran o acontecido nestas eleccións como “algo preocupante” claro que son os mesmos que consideran que unha persoa que pensa é unha persoa perigosa. Pero o certo é que as demandas da cidadanía, as revolucións sociais sexan estas do tipo que sexan, nunca acontecen da noite á mañá, nin son froito de improvisacións. Se fraguan ao longo do tempo e van precedidas de clarísimos avisos. So é preciso que aqueles que teñen o poder, saiban percibilos e actuar en consecuencia.