Carmela Silva clausura o obradoiro de escultura en pedra no centro penitenciario da Lama

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo hoxe en valor o traballo en pedra na clausura do curso que a Escola de Cantería desenvolveu durante os últimos meses no Centro Penitenciario de A Lama. A través deste obradoiro, que levou por título Elaboración de obras en pedra natural, dúas internas e nove internos formáronse nas técnicas para realizar pezas de artesanía en pedra, baixo a tutela do mestre canteiro Manuel Varela.

O mestre canteiro foi felicitado pola presidenta provincial e longamente ovacionado polo alumnado que, nas súas intervencións resaltou “a súa entrega, dedicación e paciencia” no seu labor con todos eles e elas.

Acompañada polas deputadas Olga García Ballesteros e Normé Outeda; pola directora do Centro Penitenciario, Teresa Delgado; o subdirector e do persoal de formación, Silva subliñou o “positivo balance desta experiencia” e visitou a exposición dos traballos feitos polo alumnado do curso ao longo dos últimos cinco meses. A presidenta da Deputación se dirixiu aos 11 internos e internas participantes, que recibiron os seus diplomas, para volver resaltar as oportunidades que presenta este oficio. “Creo que a cantería é unha profesión que permite desenvolver a creatividade –destacou-, que nos permite estar en contacto con algo tan noso como é a pedra, o granito. Desde que nacemos, nós miramos granito e mar. De feito, en Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra particularmente, somos mar e pedra. E polo tanto, temos unha paixón e unha capacidade especial para traballala. E algo que é tan duro, porque parece tan difícil de traballar, ao final somos capaces de facer unha obra de arte con el. Cando a directora me propuxo facer este curso aquí pareceume que era unha idea moi boa, porque a creatividade ás persoas nos axuda”.

canteria a lama03

A presidenta do goberno provincial agradeceu aos internos e internas que comezasen e finalizasen este obradoiro, “porque da mostra de que queredes construír”, así como o labor desenvolvido polo mestre canteiro Manuel Varela, “que tamén tivo ideas como a de poder levarvos a coñecer a Escola”. “Quen sabe se vos volvo a atopar na Escola, dixo Silva, pero decidades o que decidades, que vos vaia moi ben –concluíu-. Deséxovos que poñades toda a carne no asador e que sexades felices”.

Pola súa banda, a directora do centro penitenciario, Teresa Delgado, puxo en valor na súa intervención a colaboración da Deputación a través do eido da formación. “Grazas ao apoio de institucións como a Deputación podemos chegar a loitar pola vosa reinserción a través da formación”, sinalou. Felicitou aos once internos que recibiron os seus diplomas, e especialmente ás dúas internas que participaron, “por amosar co voso traballo e esforzo que a capacidade e actitude foi a mesma que á do resto dos homes, nun traballo de tradición masculina”.

canteria a lama02

Ademais da mostra dos traballos, Carmela Silva tamén realizou unha visita por varios módulos do centro penitenciario, con parada nos obradoiros de barro e madeira onde conversou con varias internas e internos, e as instalacións do novo salón de peiteado que se acaban de rematar.

O curso de cantería impartido por Manuel Varela comezou en febreiro e tivo unha duración de 220 horas. A acción formativa estaba encamiñada a que as persoas participantes puidesen coñecer as técnicas para facer obras de artesanía en pedra. Ademais de dotarse dunha base sólida no cálculo e execución das pezas, o alumnado foi quen de aplicar técnicas propias e aprender a recoñecer os distintos tipos de pedra e ferramentas. O obradoiro tamén afondou na correlación da cantería e a escultura.