'Depo en Marcha' inicia esta semana catro novos obradoiros

Ao longo desta semana un total de 67 persoas comezan na provincia catro novos obradoiros enmarcados no programa 'Depo en Marcha 2019'. Os talleres iniciaranse nos municipios de Ponteareas, Vigo e A Estrada. Máis polo miúdo, en Ponteareas, a Asociación Cultural Centro Cultural de Cillarga comeza este luns un taller de Ximnasia de Mantemento, no que van participar 15 persoas todos os luns, de 18:00 a 19:30 horas, e xoves, de 18:00 a 19:00 horas.

Por outra banda, en Vigo, a Asociación de Xubilados e Pensionistas Vila Galicia, a partir do mércores 3, organiza un taller de Risoterapia, no que están inscritas 19 persoas e que terá lugar os mércores de 10:30 a 12:00 horas. Tamén, a Asociación de Veciños Novo Vigo comeza o sábado 6 un curso de Aerodance, no que van participar 18 persoas todos os sábados de 10:30 a 12:30h.

Na Estrada, a Asociación Mulleres Rurais San Miguel de Cora iniciará, o sábado 6, un obradoiro de Pandeireta e Canto Popular, no que participarán 15 persoas os sábados de 11:00 a 13:00.

'Depo en Marcha 2019' espalla pola provincia obradoiros de 30 horas de duración, englobados en oito grandes áreas temáticas 'Traballando coas mans', 'Entre fogóns', 'Aprendendo da natureza', 'Móvete', 'Activando corpo e mente', 'Enredando', 'Dálle marcha' e 'En rede'. Os obxectivos son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.