Carmela Silva define a Rubalcaba como "un dos mellores políticos que tivo este país"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cancelou este mediodía a súa axenda oficial tras confirmarse o falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba, a quen definiu como “un home de estado, un dos mellores políticos que tivo este país, dunha enorme talla, pero tamén unha excelente persoa, e particularmente un amigo a quen nunca esquecerei”.

Silva, que formou parte da executiva do PSOE con Rubalcaba ao fronte da Secretaría Xeral, mostrou a súa dor pola desaparición de “quen dedicou 30 anos da súa vida ao estado e que conseguiu tantas cousas para este país como foi o final do terrorismo, o final de ETA”. A presidenta provincial non ocultou este mediodía a súa emoción “por unha desaparición tan repentina e que nos enche de dor a todas as persoas que o coñecemos. Un home cunha intelixencia política inigualable, profundamente vital, un mestre e un amigo tan vinculado, amais, a miña propia traxectoria política cando me deu a oportunidade de ser Secretaria segunda na Mesa do Congreso”.

Carmela Silva trasladouse esta tarde ata Madrid para poder acompañar á familia e compañeiros e compañeiras do exvicepresidente do Goberno e histórico líder del PSOE na súa despedida, e para achegarse á capela ardente instalada no Congreso dos Deputados.