'Desafío Domingo Fontán' gañador do 'I Hackathon DESTInno' das 'II Xornadas TurisTIC' da Deputación

As II Xornadas TurisTIC da Deputación de Pontevedra chegaron ao seu fin no Verbum de Vigo coa entrega dos premios do 'Hackathon DESTInno', iniciativa impulsada para galardoar as mellores solucións tecnolóxicas encamiñadas a fortalecer a eficiencia dos destinos turísticos. Deste xeito, o proxecto 'Desafío Domingo Fontán' acadou o primeiro premio, seguido de 'Niiru' na segunda posición e 'Rondar' na terceira.

Os galardóns foron entregados polo presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, polo presidente do Cluster TIC Galicia, Antonio Rodríguez e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao delegado da Zona Franca, David Regades e á presidenta da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva felicitou “por suposto aos gañadores, pero tamén ao resto dos 28 proxectos que competiron neste primeiro Hackathon e que veñen a demostrar o enorme talento que hai nesta provincia. Hoxe amosouse que a nosa xente está sobrada de intelixencia e o conxunto da sociedade, sobre todo as administracións, temos que estar moi atentas para que esas ideas se convertan en realidades”. “O turismo, dixo a presidenta provincial, é moito máis que un sector económico que o é, pero tamén é o instrumento que teñen as persoas para relacionarse no mundo e para crear un mundo mellor. Apostar polo turismo é apostar pola riqueza pero tamén é construír un mundo diferente”. Silva rematou parafraseando a Carme Chacón. “Ela dicía que a vida era un privilexio e que tiñamos a obriga de ser felices. E eu engado que como o turismo dá a felicidade temos que apostar polo turismo intelixente que teña no seu centro ás persoas”.

hackathon destinno deputacion 02

O primeiro premio de 'Hackathon DESTInno', no que participaron 28 persoas que duplicaron a previsión que se tiña feito, foi para o proxecto 'Desafío Domingo Fontán' no que participaron Celso Gómez Corbal, Luis Eduardo Castro Rodríguez e Jarold Meléndez Lugo. Esta aplicación presenta desafíos relacionados cos recursos turísticos, de tal modo que hai que ir visitando recursos e a medida que se cumpran todos os retos do desafío as persoas usuarias reciben premios. Trátase tamén dunha aplicación dinamizada socialmente, de tal xeito que a través dela é posible desafiar a outras persoas usuarias no marco dos diferentes retos temáticos que propón.

Pola súa banda o segundo premio recaeu no proxecto 'Niiru' no que participaron Óscar Casal Rodríguez, Alejandro Martínez, Carlos Rodríguez López e José Gadea Santos. Este recurso “máis que unha aplicación“, basease no 'Big Data' para recompilar todos os intereses que xorden á hora de planificar unha viaxe e propoñer rutas acordes a eses intereses. 'Niiru' tamén presenta a posibilidade de incluír, nun futuro, a gamificación para axudar nos tempos das rutas.

Finalmente, o terceiro premio foi para 'Rondar' cunha proposta deseñada por Beatriz Gil, Daniel Rodríguez, María Rodriguez e Elena Jiménez. A novidade desta iniciativa é que está centrada nun target específico de persoas maiores de 55 anos, 'os senior-millennials', co obxectivo de incluílas nunha proposta de turismo intelixente centrada na planificación de rutas e de propostas gastronómicas.

A entrega dos galardóns supuxo o punto final aos relatorios da tarde que se centraron na importancia dos datos para a xestión dos destinos turísticos e no presente e futuro do sector da tecnoloxía, da man de Enrique González, xerente de Márketing de Cloud, Blockchain&Big Data en Telefónica que falou sobre “A importancia dos datos para a xestión do destino”. Amais, co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, e a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, afondaron na “Tecnoloxía. Presente e futuro do sector” para pechar as xornadas que a Deputación vén impulsando na súa aposta pola incorporación das TIC ao sector turístico.