David Regades: "O único culpable do problema dos PAC é Feijóo"

David Regades, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, reuniuse este mércores con Elisa Ausin, Carlos Gabián e Pilar Rodríguez, representantes da plataforma «PACs en Pé de Guerra» da provincia. “O único culpable do problema dos PAC é Feijóo”, asegurou Regades na rolda de prensa posterior ao encontro. 

O secretario xeral coñeceu de primeira man a problemática deste traballadores sanitarios, que levan en folga desde o pasado mes de outubro sen atopar resposta ningunha por parte da Xunta de Galicia, que se nega incluso a recibir ao comité de folga. “O non diálogo por parte de Feijóo e Almuiña é a falta de respecto total aos profesionais sanitarios”, denunciou Regades na rolda de prensa posterior ao encontro, e pediulle ao conselleiro de Sanidade que deixase “de facer oposición nos concellos onde o PP non goberna” para centrarse en solucionar este conflito.

Desde a plataforma puxeron sobre a mesa a situación insostible que atravesan desde fai anos, e que os levou a convocar unha folga desde o pasado mes de outubro ata o próximo domingo 17. “As e os socialistas queremos mostrar todo o noso apoio á loita que mantén este colectivo”, ao que cualificou de “esencial” para unha “correcta atención sanitaria”.

psoe DavidRegades pac 02

“Estou orgulloso do sistema sanitario público que temos, pero haino que apoiar con recursos e persoal”, unha situación que non se está dando, pois a política do Goberno de Feijóo en materia sanitaria é a da “privatización”.

Unha das principais reivindicacións que fan os profesionais sanitarios é a sobrecarga de traballo, unha situación derivada da falta de persoal. “Feijóo non pode mirar para outro lado”, defendeu o secretario xeral socialista, para quen Feijóo “en primeira persoa ten que tomar cartas neste asunto”.

Regades acusou a Feijóo “de estar falseando os datos”. “Os profesionais existen, pero marchan porque os contratos son precarios. Non pode ser que se fagan contratos por hora”.

Elisa Ausin, que actuou como portavoz do colectivo, agradeceu ao PSdeG a predisposición a reunirse e escoitar as súas reivindicacións. Ausin, médico nun punto de atención continuada de Vigo, pediulle ao Goberno de Feijóo que “por unha vez se tomen en serio a atención primaria e a atención nos PAC”. “A impresión é que aos nosos xefes políticos pouco lles importa a nosa situación”.

“A atención sanitaria non é a porta do sistema, é o sistema. O 80% dos problemas que sanitarios pódense resolver cunha atención sanitaria forte”, defendeu a portavoz da plataforma.