20 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero propón un plan de rescate "para milleiros de negocios aos...

    Gonzalo Caballero propón un plan de rescate “para milleiros de negocios aos que se pon o candado”

    O líder socialista chama á Xunta a non “escudarse” en concellos e deputacións para ocultar o seu “suspenso” e “ausencia” na protección dos sectores máis afectados

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu amosar hoxe a súa “man tendida” para “dialogar” e “cooperar” co goberno galego ante esta terceira vaga da covid, á vista da evolución que está tendo tanto no número de contaxios como na presión asistencial en Galicia.

    “Estamos moi preocupados e tendemos a man para colaborar nos momentos difíciles”, subliñou Gonzalo Caballero nun encontro cos medios de comunicación, consciente de que goberno e oposición teñen que actuar “con corresponsabilidade” cando o que se trata é de “sacar adiante Galicia”.

    Precisamente por iso, como explicou, o PSdeG non vai “entrar nun pimpampum” entorno ás restricións decididas pola Xunta, posto que só xeraría “máis confusión e máis tensión” nuns momentos que requiren o contrario, pero si seguirá nunha liña de “propostas” sobre as cuestións que requiren os galegos e as galegas.

    Así pois, Gonzalo Caballero puxo o foco na necesidade de “protexer ás persoas” e, ao fío diso, indicou que a planificación económica e orzamentaria da Xunta para 2021 “xa se veu abaixo” ao non prever medidas suficientes para o “rescate” dos “milleiros de negocios” aos que o goberno galego vén de poñer “un candado”.

    “Non existe ningún mecanismo para salvar e rescatar a tantos milleiros de negocios que se ven agora terriblemente afectados polas restricións á mobilidade e a interacción social”, incidiu o líder do PSdeG, quen fixo fincapé na necesidade de “replantear a programación económica” da Xunta cara eses sectores.

    Ao respecto, recordou que o pasado ano a Xunta só deu 22 millóns de euros en axudas a autónomos e microempresas a pesares de que o goberno de España destinou a Galicia 224 millóns para a reactivación, e deixou claro que esa situación non pode repetise en 2021. “A Xunta non pode seguir ausente”, advertiu.

    Sobre esta cuestión, Gonzalo Caballero criticou que o PP rexeitara esta semana a emenda do PSdeG para incrementar en 62 millóns de euros as axudas á hostalería e aos autónomos, e preguntouse “por que non hai xa en marcha un programa de protección para axudar aos negocios que están pechando”.

    “Suspenso” en axudas

    É máis, o máximo dirixente dos socialistas galegos sinalou ao goberno galego que “non pode tentar escudarse agora nas deputacións e nos concellos” para ocultar o seu “suspenso” en materia de axudas, porque as finanzas das entidades locais están “moi debilitadas” e “non recibiron fondos extra” a pesares de asumir “moitas” das competencias da Xunta neste tempo de covid.

    En cambio, recordou, a facenda autonómica recibe do goberno de España para os orzamentos de 2021 máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios procedentes tanto das arcas estatais como dos fondos comunitarios.

    Así as cousas, ante unha primeira parte do ano que “vai ter moita complexidade”, Gonzalo Caballero requiriu á Xunta que “abandone a confrontación” co goberno de España e que traballe nas súas competencias, “fortalecendo” a atención primaria, “mellorando” o sistema de rastrexo do virus, “atendendo” aos sectores económicos afectados e “acelerando” a campaña de vacinación.

    “Temos que protexer a saúde e salvar a economía”, profundou, e reclamou a Feijóo que “rectifique” á hora de afrontar esta crise “en clave de PP” no canto de buscar acordos cos grupos da oposición.

    Plan de vacinación

    Finalmente, o responsable do PSdeG destacou que as vacinas son “a mellor garantía” para protexer a saúde e o frear o deterioro económico e por iso pediu que “non se queden gardadas nos conxeladores do Sergas” senón que se poñan con “axilidade”.

    “Que cada vacina recibida sexa unha vacina usada”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de sinalar que “Feijóo sabe que se están distribuíndo en función dos criterios pactados no consello interterritorial de sanidade”.

    “Feijóo xa errou cando dixo que non habería vacina ata o segundo trimestre do ano e dicía que programar a vacinación para principios de 2021 eran anuncios altisonantes do goberno. Agora ten que deixar a confrontación gratuíta”, recordou Gonzalo Caballero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.