18.5 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGalicia deseña xa a loxística para vacinar contra a Covid-19 ao resto...

    Galicia deseña xa a loxística para vacinar contra a Covid-19 ao resto do persoal sanitario, aos grandes dependentes e a segunda dose nas residencias

    Precisa que xa se administrou a vacina no 94% das residencias de maiores

    O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou onte que Galicia está a deseñar xa a loxística para vacinar contra a Covid-19 ao resto do persoal sanitario, ao persoal sociosanitario dos centros de día e do SAF, así como aos grandes dependentes, ademais de para administrar a segunda dose nas residencias.

    Tras a reunión do Consello da Xunta, Feijóo precisou que xa se administrou a vacina no 94% das residencias de maiores de Galicia —521 das 556 que hai en total— e subliñou que a Comunidade administrou ata onte un total de 33.351 vacinas entre os usuarios e o persoal destes centros.

    Así mesmo, confirmou que practicamente de inmediato, unha vez se cumpran os 21 días previstos entre dose e dose, comezarase coa segunda rolda de vacinación, coa previsión de administrar o vindeiro domingo día 17 a segunda dose na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a mesma na que si iniciou o plan o 27 de decembro. Empezarase ás 08,00 horas coa mesma persoa coa que se iniciou a administración da primeira dose.

    O obxectivo, segundo adiantou Feijóo, é completar “en tres semanas, entre finais deste mes e os primeiros días de febreiro”, a vacinación de todas as residencias, exceptuando aquelas nas que está a haber gromos.

    Feijóo salientou que está preparado un equipo formado por 2.200 profesionais, dos que polo momento están a vacinar 200 ao non haber doses suficientes, “un dispositivo que está moi lonxe de acadar as posibilidades máximas de dispensación”, dixo. “Agora imos recibir 1.800 doses de Moderna, que se suman ás 18.000 que recibimos cada luns de Pfizer e polo tanto estaremos nunhas 20.000 á semana”, abundou.

    A continuación, o presidente do Goberno galego salientou que onte comezou con normalidade a vacinación do segundo grupo prioritario, o persoal sanitario, con algo máis de 6.000 profesionais vacinados. “E hoxe o obxectivo é chegar a outras 7.500, co fin de chegar aos 20.000 esta semana”, avanzou, precisando que se trata de persoal de urxencias, críticos, oncohematoloxía, HADO, unidades covid, diálise, microbioloxía e 061, entre outros.

    “Facémolo cun criterio: o 30% do persoal destas áreas e por rigoroso orde alfabético. Pode ser discutible, pero é un criterio obxectivo”, incidiu o presidente da Xunta, engadindo que tamén se está vacinando aos profesionais de Atención Primaria.

    Por último, sinalou que as Consellerías de Sanidade e Política Social xa están a estudar os protocolos das seguintes fases da vacinación. “Os profesionais sanitarios dos servizos que non están na primeira liña e o persoal sociosanitario dos centros de día e do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) serán a seguinte liña de actuación”, explicou, detallando que esta fase realizarase a partir do 10 ou 12 de febreiro, mentres a seguinte, a dos grandes dependentes, será a partir de principios do mes de marzo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.