Mércores, 11 Decembro de 2024

Corenta persoas participaron nos cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación

Corenta alumnas e alumnos participaron nos cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación de Pontevedra que se clausuran hoxe en Pontevedra e Vigo. Estes cursos, que subvenciona integramente a institución provincial incluíndo o custe da matrícula do DELE, están encamiñados á preparación do alumnado para examinarse da proba DELE A2 (Diploma de Español como Lingua Estranxeira, nivel A2), un requisito indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española.

De feito, o Instituto Cervantes examinará ás e os participantes este vindeiro venres, 13 de setembro, no Centro de Linguas de Vigo.

Na clausura do curso, a deputada Ana Laura Iglesias desexou sorte cara ao futuro ao alumnado participante na última clase de repaso en Pontevedra antes da proba. Animoulles ao destacar que o pasado ano, das 45 persoas que se presentaron ao exame tras facer os cursos da Deputación, o superaron 44, “así que a media de aprobados é moi alta”, e subliñou a intención do Goberno de Carmela Silva de manter estes cursos nos vindeiros anos: “Oxalá podamos amplialos a máis xente”. Lembrou que a Deputación organiza este programa desde hai tres anos “porque sabemos que teñen un custe e as veces non se teñen os recursos necesarios, de xeito que é difícil chegar a eles”.

As mulleres foron maioría nos cursos que terminan e que agora se examinarán da proba DELE A2, requisito fundamental para obter a nacionalidade española

Neste senso, Iglesias sinalou que “as veces, a integración é complicada, pero desde a Deputación estamos moi comprometidos coa igualdade e a integración social, e por iso promovemos estes cursos para axudarvos a que podades aprobar este exame”.

As mulleres foron maioría en ámbolos dous cursos en Pontevedra e Vigo. Por países de procedencia, no primeiro caso a meirande parte proviñan de Marrocos, aínda que tamén de Brasil, Rusia, Palestina e Ghana. En Vigo, a maior parte dos participantes son de Senegal, seguidos dos de Marrocos, Brasil, Rusia, Ucraína, Angola e Irán.

Amais, este mércores comezará en Vigo o terceiro e último curso programado para este ano, no que tomarán parte outros vinte alumnos e alumnas. En total para os tres cursos presentáronse en total 132 solicitudes cara ás 60 prazas existentes.

A Deputación destacou o 97,7% de aprobados do exame do pasado ano e considera estes resultados especialmente positivos, sobre todo tendo en conta que as persoas que se presentan en moitos casos tiveron que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo e en moitos casos cargas familiares sen apoio familiar. O alumnado que superou a proba DELE A2 pode, deste xeito, solicitar a nacionalidade española.

A través destas accións formativas a Deputación da apoio á consecución desta titulación á poboación de países ou territorios non hispanoparlantes, favorecendo o seu proceso de integración. Os cursos son impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.