18.7 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaContinúa a exposición ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ no Museo de Pontevedra

    Continúa a exposición ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ no Museo de Pontevedra

    A mostra, aberta ata o 17 de outubro, inclúe medio cento de obras de artistas de renome na transición do século XIX ao XX

    O Museo de Pontevedra abriu onte as portas da exposición que completa a súa programación deste verán e que aspira a ser un dos grandes reclamos culturais de Galiza nesta tempada estival: ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’. A mostra reúne medio cento de pezas da Fundación Fran Daurel con autores como Renoir, Casas, Rusiñol, ou Sorolla que poñen á muller como protagonista nos turbulentos anos da transición entre o século XIX e XX, cando o ámbito do feminino se convirte nun dos asuntos máis tratados pola modernidade.

    O director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey destacou a transcendencia e o interese temático das obras expostas, polo que augurou unha moi boa acollida entre o público que, ao seu entender, non só chegará  da veciñanza e persoas visitantes da capital pontevedresa senón que de todo o país. A mostra estará aberta ata o 17 de outubro no Edificio Castelao.

    ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ reúne medio cento de obras, entre elas óleos, debuxos e esculturas. Todas elas trasladan ao público á época de efervescencia intelectual e de fondas transformacións sociais do cambio de século XIX ao XX e amosan a apertura que o universo feminino comezou a experimentar conquistando novos territorios que pintores e escultores  quixeron plasmar de maneira natural.

    “Falamos de Renoir, Sorolla, pero tamén de Casas, Nonel, Rusiñol, Baixeras, Hugué, Palencia ou Gargallo, e outros autores, cuxas obras amosan ademais da visión máis tradicional e convencional a chegada da identidade feminina a outros ámbitos máis novidosos”, explicou Rey.

    Fotografía de Rafa Estévez ©

    A comisaria da mostra, Helena Alonso, explicou que as obras incluídas na exposición seleccionáronse de entre a colección de Francisco Daurel, cos mellores representantes da pintura e a escultura no cambio de século. Lembrou que no momento en que destacaron estes artistas París era un centro cultural por excelencia no que a arte “permeaba” nos diferentes creadores de diferentes disciplinas.

    Do interior á conquista do exterior

    As obras de ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ están estruturadas en diferentes ámbitos. O primeiro é o da representación da muller no ámbito intelectual, que toma forza no cambio de século e fai que o tema da muller lectora sexa un dos máis tratados na pintura. De feito, a finais do século XIX, segundo explicou a comisaria Helena Alonso, o índice de alfabetización feminino triplícase o que fai que se publiquen obras literarias e revistas que permiten incluso a autoformación.

    Outro dos apartados é o dos espidos, que se manteñen como un dos ámbitos de representación femininos, con tres exemplos na mostra dos autores Masriera, Sorolla e un mozo Benjamín Palencia. Todos teñen intencionalidades diferentes marcadas polas tendencias pictóricas de cada momento, destacando entre eles o ‘Espido no diván amarelo’, un dos escasos espidos de Sorolla, do que se pensa que a retratada é a súa muller Clotilde, quen non deixaba que modelos posasen para os seus cadros.

    Seguindo o percorrido da mostra chégase ao apartado ‘Dentro’, en referencia ao interior doméstico nas súas diferentes facetas para as mulleres, “que é o lugar onde moitos artistas seguían situando a representación do ámbito feminino”, apuntou Alonso. Pásase despois a ‘A conquista do espazo exterior’, onde se pode ver como a muller conquista a natureza, as praias, os teatros ou a propia cidade, idea claramente representada na obra de Antonio Utrillo ‘Dos Amigas’, na que se ven dúas mozas, de noite, paseando polas rúas.

    O retrato é outra das seccións, debido á importancia dada pola burguesía daquel tempo, na que coexisten retratos tradicionais nos que se exaltaban valores de pureza aínda vixentes, outros nos que a moda era algo a destacar por parte dos pintores e outros con matices expresionistas.

    Finalmente, confróntanse as mulleres traballadoras, moitas veces acompañadas dos seus fillos e representadas con grande dignidade, e a Arcadia Soñada, unha visión das mulleres como as responsables de transmitir valores ás crianzas que xurdiu tralo fin da I Guerra Mundial.

    Para pechar a mostra, está dispoñible unha playlist de Spotify cun código QR na que se inclúen autores da época que musicalmente influíron ou se viron inspirados por outras disciplinas creativas do momento: Manuel de Falla, Berthe Sylva, Félix Mayol, Erik Satie, e incluso Manuel Quiroga. “Queremos que a persoa visitante coñeza ese período creativo no que os artistas tiñan estreito contacto”, subliñou a comisaria.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.