A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou hoxe a bandeira da igualdade, “sen ela todos os demais obxectivos non se poden conseguir”, na apertura da VI Xornada sobre ‘Bo uso e mal uso do mar’, que este ano leva por título ‘Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans’, organizada pola Uvigo e coa colaboración da Deputación e do Consello da Cultura Galega. No acto telemático participaron tamén o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a coordinadora da xornada María Álvarez Lires; a representante do Consello da Cultura Galega María Xosé Porteiro; e a coordinadora da Sección Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez Cendón.

“
É fundamental a reflexión dende o coñecemento e a proposta activa para producir cambios e transformacións que son esenciais para nós, e especialmente nun sector coma este no que as mulleres fomos protagonistas pero sempre silenciadas e invisibilizadas”
Trátase dunha “xornada máis imprescindible que nunca” –enxalzou a presidenta– “É fundamental a reflexión dende o coñecemento e a proposta activa para producir cambios e transformacións que son esenciais para nós, e especialmente nun sector coma este no que as mulleres fomos protagonistas pero sempre silenciadas e invisibilizadas”. Neste eido, Carmela Silva tamén destacou que se trata “dun compromiso coas mulleres e co medio ambiente, moi necesario neste momento que nos enfrontamos a unha pandemia global e que ten que ver coa perda da diversidade”. Amais, a presidenta provincial fixo fincapé en que “queremos aportar coñecemento e compromiso” e amosou o seu orgullo por estar rodeada na xornada de mulleres “que se poñen a fronte do cambio”. Ao respecto, Silva fixo o seu recoñecemento a “todas as mulleres referenciadas” que participaron no acto e definiu a Mari Lires como “unha muller imprescindible que dende o coñecemento, a análise o estudo leva tanto tempo demandando a posición das mulleres e a perspectiva feminista”. “Cada vez somos máis imprescindibles para transformar o mundo”, concluíu.
A presidenta da Deputación aplaudiu as dúas iniciativas de maletas, “unha feminista e a nosa, que é unha maleta viaxeira que chegará aos centros educativos, elaborada por Mari Lires e o seu equipo”. Así, na primeira parte da actividade tivo lugar a presentación dunha maleta feminista para traballar os ODS, de Batera 2030, Observatorio Feminista da Axenda 2030, a cargo de Patricia Ponce e Amaia Iguaran. E, na segunda parte, as dúas investigadoras da Universidade da Uvigo, María Lorenzo e Tamara Amorín, que desenvolveron os materiais O mar das mulleres nas túas mans, co apoio da Deputación, presentaron a nova proposta “A maleta dos océanos”, un paso máis do proxecto “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” e “O mar das mulleres”, e tamén fixeron un balance da acollida da exposición itinerante “Sustentabilidade en feminino”.
A ‘Maleta dos Océanos’ está directamente relacionada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ao ter relación coa educación de calidade, igualdade de xénero e a vida submarina. E, no seu interior, hai propostas didácticas, todas elas protagonizadas por unha nena, Emma, que levan por título ‘Planeta azul’, ‘Océanos en perigo’, ‘Mulleres redeiras, da salga e da conserva’, ‘O marisqueo a pe’, ‘Investigadoras mariñas’ e ‘Educación para a sustentabilidade’. O obxectivo xeral da xornada é impulsar un espazo de intercambio para o coñecemento de estratexias e contidos da Axenda 2030, dos ODS e do seu impacto na vida das mulleres, das nenas, dos nenos e dos colectivos vulnerables.