15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva presentou ás e aos novos integrantes do novo Consello Asesor...

    Carmela Silva presentou ás e aos novos integrantes do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra

    O director do Museo incidiu en que os consellos asesores permiten “unha maior independencia da institución fronte ao control político”

    A arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo (os CV pódense consultar nas respectivas ligazóns) son os integrantes do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra que hoxe foi presentado pola presidenta Carmela Silva nun acto celebrado no Sexto Edificio.

    Carmela Silva estaba acompañada, nesta presentación, polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera; o secretario provincial, Carlos Cuadrado; o director do Museo Xosé Manuel Rey, e a directora de xestión Sonia Mateos.

    Trátase de representantes de sectores moi diversos da sociedade cunha ampla traxectoria profesional que se reunirán de forma periódica (como mínimo dúas veces cada seis meses de maneira ordinaria) para falar de como afrontar os proxectos, a xestión, e o funcionamento da institución museística do obxectivo final de consolidar o liderado do Museo de Pontevedra en Galiza e avanzar cara a unha maior proxección exterior.

    Trala presentación de hoxe, e tras unha pequena reunión de carácter informal, todos e todas (salvo Beatriz Comendador, ausente por unha viaxe de traballo a Turquía) levaron “deberes” para a casa e, co Regulamento de funcionamento do Consello Asesor baixo o brazo, deberán que poñer sobre a mesa ideas e suxestións tanto sobre os novos edificios do Museo, a rehabilitación dos inmobles antigos, a xestión como a comunicación da institución provincial.

    O vicepresidente Mosquera, responsable político do Museo, lembrou que as e os vogais do Consello Asesor foron propostas polo director Xosé Manuel Rey co fin de poder desenvolver a memoria do Plan de Xestión que presentou para concorrer ao cargo. Segundo o nacionalista, o director demostrou ser “unha persoa lista e capaz” por ter escollido persoeiros de currículo e valía absolutamente contrastada.

    Así mesmo, Mosquera subliñou que durante o proceso de formación do Consello Asesor demostrouse que o Museo de Pontevedra “ten un atractivo grandísimo”, xa que as e os integrantes, a pesares de ter “unhas ocupacións elevadísimas”, aceptaron “á primeira e entusiasmadas”. Destacou que todas e todos os seleccionados fórono polo seu currículo e valía individual e non por seren representantes de institucións, ademais de salientar que “son persoas relativamente novas fronte á tendencia a que haxa carga excesiva de idade”.

    “Hoxe damos un paso máis moi importante nesta nova etapa do Museo que queremos. Ás e aos membros do Consello Asesor é de gradecer o compromiso, e o entusiasmo. Agardo que dentro dun ano, dous ou tres, esa vizosidade se manteña, xa que sería demostración de que as súas achegas están a ter resultados positivos e se sinten útiles”, finalizou Mosquera.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o número de mulleres presentes no Consello Asesor, facendo posible que se combinen as “miradas feminina e masculina” e tamén a ampla representación territorial, pois os integrantes proceden de diversos puntos da provincia e ao mesmo tempo de fóra dela.

    Na súa opinión e admitindo que era posible optar por outras persoas “igualmente moi potentes”, “non se podía ter feito un mellor Consello Asesor”. Deste xeito, quixo enfatizar que as e os vogais ”son xente que entende e que sabe da nosa historia e da nosa cultura, pero que tamén ten unha visión clara do que se demanda no século XXI dos Museos”.

    A presidenta pediu aos integrantes do novo órgano que “abran portas e ventas e que escoiten para o que Museo de Pontevedra sexa aínda máis grande do que xa é”. Silva rematou a súa intervención aseverando que “non hai nada máis político que a cultura”, “pero as e os políticos non estamos para influír, senón para que a cultura chegue a todolos espazos e ás administración públicas”.

    Os consellos asesores, unha vía para superar direccións personalistas

    Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o Museo se atopa inmerso nun proceso de paulatina renovación, con moi diferentes retos e desafíos, “algúns vencellados coa busca dun maior compromiso social, co reforzo da participación cidadá e o fomento da inclusión e colectivos situadas nas marxes do sistema museístico”, ou ben co desexo de mellorar o funcionamento operativo, adoptando unha visión plural e compartida da súa visión a través da participación cualificada de diferentes axentes sociais na configuración do seu futuro.

    Rey destacou que tradicionalmente os museos españois contaron coa existencia de órganos colexiados de carácter consultivo e asesor a través dos que se canalizaba a participación da sociedade nos seus órganos de xestión “permitindo con isto superar unha dirección de carácter excesivamente personalista”. A día de hoxe, explicou, esta figura, en formas renovadas, está presente na estrutura organizativa de todos os museos independentemente de que dependan organicamente dos departamentos de Cultura das diferentes administracións ou ben de que dispoñan de fórmulas de xestión diferentes. “De feito, a existencia dun órgano colexiado de asesoramento está considerada unha boa práctica entre os especialistas de xestión museal”, sinalou.

    Entre os beneficios de contar cunha figura deste tipo o director do Museo afirmou que permite asegurar múltiples obxectivos, e enumerou, entre eles, “acadar unha maior independencia da institución fronte ao control político, incorporar unha maior participación social, aportar miradas diferentes a través da súa composición diversa, e dotar á xestión global do Museo dun maior consenso por medio do acordo entre diferentes axentes sociais, interlocutores e expertos que o integran”.

    Rey subliñou que, ao seu entender, as e os vogais elixidos “representan de xeito plural os diferentes ámbitos e sectores do tecido cultural do territorio provincial aportando experiencia e coñecemento experto derivados da súa dilatada traxectoria profesional”, para amosarse convencido de que co esforzo de todas e todos os profesionais do Museo e implicación dos membros do Consello Asesor “o Museo de Pontevedra está en disposición de encarar con éxito os retos e desafíos aos que se enfrontará, consolidando o seu liderado en Galiza e avanzando cara a unha proxección exterior maior”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.