11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva mantén unha reunión coa directiva da Asociación de Vivendas Turísticas

    Carmela Silva mantén unha reunión coa directiva da Asociación de Vivendas Turísticas

    Carmela Silva: "Temos que superar a atomización do sector turístico para ser capaces de traballar xuntas e xuntos da man da dixitalización"

    A provincia de Pontevedra e Galicia non poden perder a oportunidade como destino seguro, sostible e non masificado que ten acadado no actual contexto de pandemia. E ten que facelo coa “unión”, con traballar conxuntamente e coa aposta firme pola “dixitalización operativa” de todo o conxunto do sector.

    Así o referendaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, e o seu vicepresidente, Rafael Serrano, tras manter un encontro no Pazo Provincial, no que sentaron as bases dunha colaboración mutua para sumar sinerxías do sector público e privado ao fin de acadar estes obxectivos.

    Tanto a presidenta provincial como a de Aviturga subliñaron a necesidade de que todo o sector traballe de xeito unido. “Temos que ser capaces de traballar xuntas e xuntos –destacou Carmela Silva-. Temos que superar a atomización para ser capaces de construír instrumentos globais que sirvan para todas e todos. Porque ao final, quen vai decidir é a turista e o turista, polo tanto non queiramos decidir por eles. Poñamos todo o que está enriba da mesa para que se poidan servir daquilo que lles apeteza degustar. Temos que ser capaces de traballar conxuntamente e superar esa diversidade de intereses que son lexítimos e non están rifados con construír xuntas e xuntos”.

    Dulcinea Aguín sinalou que “é fundamental que desde todo o sector traballemos da man porque temos un obxectivo, que é dar a coñecer a nosa terra con todas as potencialidades e fortalezas e coas súas oportunidades. Temos que estar organizados e rearmar porque as ameazas tamén están cerca. Cando esta situación pase todos os territorios vanse organizar para ser despois o foco de captación do turismo, e imos encontrar auténticas tolerías como ir a París por 200 euros ou Nova York por 500”. “Vai haber un montón de oportunidades de saír e se non estamos ordenados podemos a non moi longo prazo non pasalo moi ben”.

    Cara ao futuro próximo, a dixitalización “operativa” pasa por ser unha das grandes aliadas. “Non a tecnoloxía como algo etéreo, senón como aplicación desa tecnoloxía aos sectores económicos e en particular ao turismo –sinalou a presidenta provincial–. É unha reflexión que ten que facer o sector privado e o sector público no seu conxunto. Temos que traballar xuntas e xuntos para crear instrumentos de dixitalización tecnolóxicos que nos sitúen como unha grande referencia, para que sigan vindo persoas, e para que cando se abran os mercados non perdamos oportunidades. Temos que usar esa dixitalización para crear plataformas que nos permitan facer promoción, pero tamén competir con outras plataformas globais que existen e se quedan cunha parte moi importante do beneficio do propio sector. Amais das vivendas turísticas hai outras modalidades moi asentadas e que todas teñen que convivir. E, polo tanto fan unha proposta de todo o sector privado traballemos coas administracións para conseguir xerar sinerxías ao redor destes instrumentos tecnolóxicos”.

    Nese espírito de colaboración, Carmela Silva anunciou que a Deputación e Aviturga van traballar na actual plataforma de reservas que ten a asociación, Vitgal, para estudar a posibilidade de enchela con contido turístico de forma continua “para que as visitantes e os visitantes que veñan á provincia, a calquera das modalidades de aloxamento, poidan saber que hoxe na provincia hai 100 actividades deportivas, culturais ou de sendeirismo que poden realizar e que lle chegue a través dun clic no teléfono”. Outro dos asuntos abordados no encontro foi a necesidade de profesionalizar o sector das vivendas turísticas, así como mellorar a formación dos e das propietarias destes aloxamentos, “a fin de que a experiencia das persoas visitantes sexa de excelencia”.

    A presidenta de Aviturga defendeu a necesidade de traballar “cunha estratexia conxunta porque ao final o que pretendemos é fidelizar á xente que nos visita”. “Galicia, Pontevedra –engadiu- non teñen nada que envexar a ningún outro territorio Temos costa, interior, rural, enoloxía, patrimonio, cultura… E experiencias. Temos que pensar que hoxe a xente xa non vai aos destinos dicindo que vou ver, senón que é o que vou facer. E creo que aí é onde temos que traballar dixitalmente, con contidos actualizados para vir a esta terra e a este territorio”.

    As vivendas turísticas da provincia representan practicamente a metade (48%) das existentes en Galicia e existen en 58 dos 61 concellos de Pontevedra, cunha implantación case global. E a situación de pandemia ten sido unha oportunidade para a comunidade porque, como destacou Carmela Silva, “foi unha privilexiada, xa que contamos cun modelo de turismo non masificado que permite que a xente poida atopar o que buscaba”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.