12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva adianta as previsión dun "verán espectacular"

    Carmela Silva adianta as previsión dun “verán espectacular”

    Será un verán “espectacular”, no que “imos superar o 2021 sen dúbida algunha e converterémonos, un ano máis, na provincia cos mellores datos turísticos de toda Galicia”. Con estas palabras, e deténdose en enxalzar o esforzo “extraordinario” do mundo local e do sector para situar á provincia na punta de lanza do turismo en Galicia, a presidenta da Deputación Carmela Silva adiantou as previsións de ocupación hoteleira que, en xullo e agosto, agardan superar porcentaxes do 70 e o 75% de media en toda a provincia. Xunto aos datos, a presidenta aproveitou a ocasión para detallar as novas campañas que a institución provincial ten en marcha da man de Correos e Renfe e presentou os dous novos workshops que este ano levarán o destino Rías Baixas a Sevilla e Bilbao.

    No que se refire a xuño, os datos de ocupación turística á espera de que remate o mes “están a ser moi positivos superando xa amplamente os do ano 2021”, asegurou a presidenta. Así, Carmela Silva adiantou que, ata o momento, a media de ocupación hoteleira é do 60%  o que supón 17,2 puntos máis que os rexistrados en xuño do ano pasado. Por comarcas Vigo sitúase no 70% de ocupación hoteleira (23,6 puntos máis que no 2021), a de Caldas no 67,9% (33,4 puntos máis), a de Pontevedra no 57,6% (11,3 puntos máis), as comarcas do Condado e da Paradanta están a rexistrar o 56,2% (43,9 puntos máis que no 2021), O Baixo Miño o 55,7% (case 9 puntos máis), O Morrazo o 54,1% (son 7,5 puntos máis), O Salnés o 50,3% (8 puntos máis) e Deza-Tabeirós case o 50% (22,5 puntos máis que no 2021).

    En canto aos datos rexistrados no que vai de mes en cidades e principais destinos da provincia Vigo está a situarse no 75% en canto a ocupación hoteleira (23,8 puntos máis que no 2021), Pontevedra no 74% (21,3 puntos máis que no 2021), Baiona no 67% (17,9 puntos máis que no 2021), Sanxenxo no 52,1% (11,8 puntos máis que no 2021) e O Grove en case o 50% (11,6 puntos máis que no 2021).

    Un verán que de novo pode ser de récord

    A día de hoxe os establecementos hoteleiros da provincia contan xa cun 68% de reservas para xullo o que supón 12 puntos máis do rexistrado no mesmo mes do 2021. “Poderían incrementarse entre un 15 e un 20% más o que situaría a media en preto do 80% que, é probable que se supere”, asegurou Carmela Silva. Por comarcas, en xullo Vigo e O Morrazo agardan unha ocupación media do 77%, O Salnés superará o 75%, a comarca de Pontevedra o 73%, O Baixo Miño o 70%, as comarcas de Deza, Terra de Montes e Caldas situaranse por riba do 60% e as do Condado e da Paradanta no 51%.

    No que respecta aos principais destinos e concellos turísticos Vigo en xullo agarda un 80% de ocupación, Baiona un 79%, Sanxenxo entre o 77 e o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%.

    Para agosto, nestes momentos, a previsión sitúa á ocupación no 75% “aínda que vai ser máis alta seguro, xa que ese mes supera habitualmente os rexistros de xullo”, detallou a presidenta.  Por comarcas, en agosto  O Salnés e Vigo agardan ocupacións entre un 80 e 85%, O Morrazo e  a comarca de Pontevedra entre o 75 e 80%, O Baixo Miño e Caldas entre o 70 e o 75%, O Condado e A Paradanta entre o 60 e 65% e Deza e Terra de Montes por riba do 60%.

    No que respecta aos principais destinos e vilas turísticas Baiona agarda superar o 85% de ocupación, Vigo e Sanxenxo o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%.

    O verán nos establecementos de turismo rural agarda tamén uns datos “moi favorables, con ocupacións por riba do 65% en xullo e do 70% en agosto”. Por comarcas O Morrazo agarda un 85% en xullo e un 80% en agosto; a comarca de Caldas un 70% en xullo e un 75% en agosto; O Baixo Miño un 67% en xullo e un 80% en agosto;  a comarca de Pontevedra un 67% en xullo e un 70% en agosto; O Salnés un 70% en xullo e un 75% en agosto; a comarca de Vigo un 60% en xullo e un 65% en agosto; a comarca do Condado e A Paradanta un 56% en xullo e un 72% en agosto e as comarcas de Deza e Terra de Montes un 50% en xullo e  u n 55% en agosto.

    No caso dos cámpings a día de hoxe “as porcentaxes de reserva son xa moi importantes, cun 67% de media que serían máis de 15 puntos que os rexistrados no verán do 2021”. Nas vivendas turísticas estímanse datos “históricos”, con reservas que superan o 72% en xullo e agosto e que poderían superar o 85% en toda a provincia, “con picos de cheo total en diferentes momentos do verán e áreas xeográficas”. Estes datos “espectaculares” tamén se están a rexistrar xa nos castelos de Soutomaior e Sobroso. Así, ata a data, o castelo de Soutomaior foi visitado por 1.322 persoas, máis que en 2021 cando se rexistrou “unha auténtica explosión de visitas”, e o castelo de Sobroso foi percorrido por 752 persoas en menos de 20 días. 

    No que respecta ás persoas que están a visitar as oficinas de turismo Carmela Silva puxo en valor o incremento na porcentaxe de turistas estranxeiras. “Principalmente proveñen de España, o 73,14%, de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Asturias e Bilbao, pero xa un 26,86% chegan dende o estranxeiro, de Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Francia e Reino Unido”,.  O 42% contan con máis de 60 anos e alóxanse en hoteis, cunha estancia media de entre 1 e 3 días, e veñen ata a provincia para desfrutar da oferta cultural, de ocio e enogastronómica.

    Novas accións de promoción turística e balance da campaña Love Rías Baixas

    A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer as novas accións de promoción turística da provincia da man de Correos no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023. “Trátase dunha iniciativa centrada nos castelos de Soutomaior e Sobroso, dúas das principais iconas da provincia, que consistirá na proxección de vídeos dos castelos en 21 pantallas interiores, exteriores e de gran formato das oficinas de Correos en Valencia, Valladolid, Barcelona, Málaga, Sevilla e Biscaia”.  Xunto aos vídeos tamén se vai facer unha impresión de 2.000 postais prefranqueadas promocionais coas imaxes de ambas fortalezas. “Estimamos –detallou a presidenta Carmela Silva- un impacto en máis de 5 millóns de persoas”.

    Esta iniciativa en Correos, xunto á que se vai lanzar con Renfe, forman parte da campaña “Love Rías Baixas”.  No que vai de ano desenvolveuse xa en formatos dixitais unha campaña activada en dúas fases: a primeira cara a Semana Santa e a segunda, que remata o 30 de xuño, cara este verán. “Ata o de agora conseguimos xa catro millóns de impactos do noso destino turístico e máis dun millón de visualizacións do noso vídeo Love Rías Baixas”.

    A presidenta da Deputación tamén presentou os workshops que neste 2022 van espallar  a provincia por Sevilla e Bilbao, dous puntos estratéxicos de especial interese para o destino. “Trátase de eventos de networking profesional nos que reunimos e poñemos en contacto a empresas turísticas da nosa provincia con empresas de destinos nos que queremos captar visitantes”, explicou a presidenta. Os workshops, que terán lugar os días 19 e 20 de outubro, comezarán con reunións networking de comercialización turística, continuarán cun evento de presentación do destino Rías Baixas e rematarán cunha degustación de produtos enogastronómicos da provincia. Dende hoxe mesmo e ata o 11 de xullo as firmas da provincia que desexen participar nos workshops de Sevilla e Bilbao poden presentar a súa candidatura. “Facémolo cun procedemento establecido, con criterios claros, obxectivos e transparentes, explicou a presidenta, que tamén destacou que o pasado ano os workshops en Valencia e Madrid “foron un completo éxito, con máis de 3.000 citas directas e coa participación de máis de 160 firmas de valencianas e madrileñas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.