16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Camiños do Sur», exposición itinerante da Deputación para revalorizar o patrimonio do...

    «Camiños do Sur», exposición itinerante da Deputación para revalorizar o patrimonio do Camiño

    A mostra poderá visitarse dende este venres no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra e recalará despois en Baiona, Tui, Redondela e Caldas

    A Deputación de Pontevedra dará este próximo venres, 18 de marzo, o pistoletazo de saída á exposición itinerante ‘Camiños do Sur’, que impulsa no marco do proxecto europeo ‘Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular’, para valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que descorren pola provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. O obxectivo é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran. A mostra, que poderá visitarse durante as vindeiras catro semanas no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra, recalará despois en Baiona, Tui, Redondela e Caldas.

    “Camiños do Sur”, que ocupará un espazo de 150 metros cadrados, difundirá información a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos, imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, vanse “xuntar mundos diversos”, presentar paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosaranse percorridos e datos históricos, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía.

    Tralo paso por Pontevedra, a mostra continuará o seu percorrido pola provincia visitando a partir do 26 de abril Baiona, onde se situará na Praza do Concello. Posteriormente, a partir do 2 de xuño, exhibirase en Tui na sala municipal de exposicións do edificio “Francisco Sánchez”, dende o 9 de xullo estará en Redondela no Multiusos da Xunqueira e rematará en Caldas, a partir do 17 de agosto, na Praza do Camiño.

    O proxecto “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición “Camiños do Sur”, conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o Oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués. En concreto, a través deste proxecto no que a Deputación de Pontevedra traballa xunto a outras doce entidades do resto do Estado e de Portugal, estase a impulsar unha actuación homoxénea de sinalización; a mellorar equipamentos; empregar as tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos desenvolvendo unha app; e implantar unha estratexia para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.