15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAs Neves, Tomiño e Tui suspenden os actos programados e activan medidas...

    As Neves, Tomiño e Tui suspenden os actos programados e activan medidas de prevención fronte ao Covid19

    Os concellos do sur de Pontevedra optaron, no día de hoxe, por suspender os actos previstos durante os vindeiros quince días e habilitar distintos plans de prevención para o persoal municipal de cara a seguir mantendo, coas máximas garantías, os servizos básicos.

    As Neves

    O Concello que preside Xosé Manuel Rodríguez Mendez facía público a media tarde de hoxe, un comunicado no que daba conta que “con motivo da pandemia de Coronavirus, e en consonancia coas medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para conter o avance do contaxio, o Concello das Neves decidiu cancelar todos os actos, reunións e citas de lecer, deportivas, culturais, sociais e veciñais organizadas no concello dende hoxe, 12 de marzo e ata novo aviso. Do mesmo xeito, tampouco haberá actividade ningunha nos centros dependentes do Concello”.

    O Concello prega “acceder de xeito presencial ás oficinas do Concello para facer só aqueles trámites administrativos urxentes e/ou imprescindibles, e optar pola xestión a distancia, chamando ao 986 64 80 38 ou accedendo á páxina web www.asneves.gal“.

    Doutra banda o Concello recomenda a todas as organizacións, asociacións, clubs e entidades que teñan previsto actos deste tipo, que tamén os desconvoquen.

    Ademais, aconséllase a toda a poboación que faga só os desprazamentos estritamente necesarios e siga os consellos de hixiene recomendados polas autoridades sanitarias.

    Tomiño

    O Concello de Tomiño celebrou hoxe unha reunión con motivo da situación sanitaria xerada polo Coronavirus. Nesta reunión aprobouse a creación dunha comisión municipal de seguemento da situación do Covid-19, que ten como funcións facer un seguemento continuado das indicacións das autoridades sanitarias a nivel estatal e autonómico, e coordinar as accións pertinentes a nivel municipal. Así mesmo, esta comisión encargarase de coordinar a comunicación á poboación dun xeito áxil e veraz.

    A comisión de seguemento estará composta polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, que estarán encargados de executar as medidas nas súas áreas de competencia; representantes dos grupos da oposición; representantes dos traballadores e traballadoras e o responsable da policía local e será presidida pola alcaldesa, Sandra González.

    A comisión reunirase de xeito ordinario unha vez ao día durante o tempo que dure a situación actual e de xeito extraordinario cando sexa preciso.

    En aplicación das instrucións actuais das autoridades sanitarias e da administración estatal e autonómica, o Concello de Tomiño procede hoxe á cancelación de todos os eventos culturais e deportivos dos vindeiros días, entre os que cabe destacar o programa Reactívate, Medrando en Familia, Actividades extraescolares municipais, Programación de Igualdade, a Escola Municipal de Teatro, os cursos da OMIX, o Mercadillo de Goián e Tomiño, o curso para a obtención da ensinanza secundaria e a totalidade dos eventos deportivos municipais.

    O Concello súmase ao chamamento á calma e á prudencia, e pide ás veciñas e veciños de Tomiño que sigan as indicacións oficiais en materia de protección e prevención.

    Tui

    O Concello de Tui vén de acordar unha serie de medidas para previr o contaxio por Coronavirus. Estas decisións adoptáronse por unanimidade na xunta de portavoces celebrada este mediodía na casa do concello. A duración ou modulación das medidas adoptadas se tomará de acordo coas directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

    Así pecharanse as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo dende mañá e suspéndese a programación propia.

    No ámbito cultural péchanse dende mañá todas instalacións culturais do Concello é dicir Teatro Municipal, Biblioteca Municipal, Sala de Exposicións, e mesmo os centros culturais das parroquias de titularidade municipal. Isto conleva a suspensión de todas as actividades previstas no Teatro Municipal de Tui. En concreto a decisión afecta ao espectáculo “Aguratrat” que Pérez&Fernández ían representar mañá venres no Teatro Municipal, así coma ao concerto “Memoria da melancolía” que Samuel Diz ía ofrecer este sábado. Ambos espectáculo adíanse sen nova data polo momento. As persoas que tiñan mercado xa a súa entrada on line para estes eventos recibirán unha comunicación do departamento de Cultura dando conta da cancelación do espectáculo, e nos próximos días lles será devolto o importe das entradas polo mesmo método no que realizaron o pagamento. Tamén se suspenden as funcións escolares previstas, en colaboración cos centros educativos, programadas até finais de mes. O mesmo acontece coas actividades previstas até finais de mes dentro da programación “Somos e Seremos Inmarcescibles” coas que se estaba a conmemorar o Día Internacional da Muller que quedan adiadas.

    Mentres no referido ás instalacións deportivas municipais péchanse os campos de fútbol, pavillóns e pistas deportivas. Igualmente suspéndese toda a actividade dependente do concello xa sexa en recintos pechados ou abertos.

    Tamén se suspende toda a actividade no Centro Municipal de Formación.

    No referido á actividade política tomouse a decisión de anular a celebración de plenos e comisións informativas que só se retomarán no caso de ter que abordar algún asunto de urxencia.

    Na casa do concello queda suspendida a atención ao público e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través da sede electrónica. Salvo o rexistro de entrada que permanecerá aberto e o departamento de Servizos Sociais atenderá os casos de extrema urxencia e sempre contactado previamente por vía telefónica.

    Por outra parte valorarase, en función da evolución da situación, a posible suspensión do mercado semanal dos xoves en Tui.

    Esta información poderá ser ampliada e actualizada a través das web municipal tui.gal e das páxinas oficiais do Concello de Tui en Facebook e Twitter.

    Dende o Concello de Tui agradecen a comprensión da cidadanía ante estas medidas que se toman de forma preventiva, e se vai un chamamento á calma e á responsabilidade seguindo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias.

    É responsabilidade de todos, e unha obriga, facer canto estea nas nosas mans para preservar a nosa saúde e a dos nosos. É tamén responsabilidade de todos colaborar para que o sistema sanitario e os seus profesionais poidan continuar a desenvolver o seu traballo coa mesma eficacia que até o de agora.

     

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.