Luns, 28 Abril de 2025

Areeiro aconsella manter a vixilancia ante os patóxenos da viña dadas as condicións meteorolóxicas

O centro dependente da Deputación destaca situacións moi diversas ante a presenza do mildio larvado

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella manter a vixilancia ante o mildio. Na observación levada a cabo esta semana apreciouse a aparición de síntomas abundantes deste patóxeno nas follas e, segundo informacións recibidas, tamén se percibiron síntomas de mildio larvado dos acios dalgúns predios, que nalgún caso chegaba a máis dun 25 % dos acios.

Non confundir os golpes de sol con mildio larvado ou black rot

Ao mesmo tempo, dende Areeiro recomendan labores de vixilancia sobre todo nas viñas que non fixeron un bo control da vexetación ou que non empregaron adecuadamente os funxicidas, o que dificulta a ventilación dos acios.

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro informa que as condicións meteorolóxicas acontecidas desde a pasada fin de semana favorecen o desenvolvemento do oídio, aínda que o estado fenolóxico actual no que se atopan os acios son pouco sensibles a esta enfermidade. No caso do botrite, débese manter a vixilancia onde haxa danos ou feridas dada a alta presenza de azucre nas uvas a partir de agora. Nunha situación moi similar atópase o black rot polo que, a pesar de que non se observaron cambios na presenza desta enfermidade, a vixilancia debe continuar.

Nalgunha sebe con eirugas L5 tamén hai L2

Por outra banda, as capturas de Lobesia botrana seguen a ser reducidas e recoméndase manter unha observación continua; ocorre o mesmo na captura de cicadelidos, que tamén se manteñen en niveis baixos. Así mesmo aconsellan cortar as plantas afectadas por patoloxías de madeira que non sexan recuperables. Por último, o persoal da EFA recomenda tamén a observación da presenza de Cydalina perspectalis dado que se prevé un predominio do tempo seco e xa hai presenza de eirugas nas sebes, e informa de que esta semana capturáronse os primeiros machos de Procesionaria do Piñeiro.