9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta reducirá en 2022 a suba das peaxes das autoestradas autonómicas...

    A Xunta reducirá en 2022 a suba das peaxes das autoestradas autonómicas para limitar as consecuencias do incremento do IPC

    No caso dos vehículos lixeiros, o incremento máis elevado será o mínimo posible, é dicir, de 5 céntimos

    O Goberno galego reducirá en 2022 a suba das peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para limitar as consecuencias do incremento do IPC nas tarifas aos usuarios.

    O Consello da Xunta deulle luz verde á modificación do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia co obxectivo de limitar a suba das tarifas das autoestradas autonómicas a menos da metade do que lle correspondería polo incremento do IPC, segundo o estipulado no contrato.

    Deste xeito, o Goberno galego achegará 550.000 euros para mitigarlles aos cidadáns o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas autonómicas, reducindo do 5,09 % previsto ao 2,5 % o aumento das tarifas.

    O Executivo autonómico, a través desta medida, continúa a traballar para minimizar o impacto económico que están experimentando as familias ou os profesionais do transporte por mor da crise enerxética, de abastecemento e de prezos de materiais, que se reflicten no prezo das materias primas e no custo dos servizos.

    O incremento derivado do IPC suporía que as tarifas das autoestradas autonómicas sufrirían un aumento dun 5,09 %, despois de anos conxeladas ou mesmo con descensos nas súas tarifas.

    Neste sentido, a Xunta promove unha modificación do convenio coa concesionaria para que o aumento das tarifas se reduza a menos da metade do previsto sen esta intervención, limitándoo ao 2,5 %.

    De modo máis concreto, dado que as peaxes na AG-55 e na AG-57 se redondean a 5 céntimos para os distintos itinerarios, o efecto desta medida é diferente segundo o treito. Para vehículos lixeiros, a suba máis elevada será a mínima, de 5 céntimos.

    Na AG-55 e para vehículos lixeiros, co incremento de tarifas de acordo co IPC, de 11 itinerarios subirían 6. Porén, coa limitación establecida pola Xunta ao 2,5 %, só subirán 2 treitos e en todos estes auméntase un importe mínimo, de 5 céntimos.

    Na AG-57 e para vehículos lixeiros, coa suba de acordo co IPC, de 12 itinerarios subirían 10. Non obstante, limitando a suba ao 2,5 %, só aumentan o prezo 6 itinerarios, e todos eles na contía mínima, de 5 céntimos.

    Bonificacións

    Cómpre lembrar que as autoestradas autonómicas, aínda que son das máis baratas de España, contan con distintas liñas de bonificacións impulsadas pola Xunta.

    En día de hoxe as autoestradas autonómicas teñen o custo medio máis baixo de Galicia, máis baixo que o da AP-9 incluso tras a aplicación das novas bonificacións: sen IVE, 5,6 céntimos/km nas autoestradas autonómicas, por 6,1 céntimos/km de tarifa media da AP9; ou os 7,7 céntimos/km (sen IVE) da AP-53.

    Con esta medida impulsada pola Xunta, as autoestradas autonómicas seguirán sendo das máis baratas de España, cun custo medio por quilómetro inferior ao das autoestradas estatais AP-9 e AP-53.

    Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou este ano o desconto do 25 % da volta, e do 50 % na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

    Con esa modificación, estendeuse ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25 % da viaxe de volta, e do 50 % na segunda viaxe de volta. Refórzase así o anterior período de bonificación que establecía que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecéndolles ás persoas que se desprazan por estas vías acceder aos servizos públicos ou ao seu lugar de traballo.

    Tamén está en vigor a bonificación ás familias numerosas nas estradas autonómicas, descontándolle o 100 % da viaxe de volta a este colectivo.

    Estes descontos son compatibles con outras bonificacións en funcionamento como a rebaixa do 50 % en horario nocturno.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.