11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta destina 120.000 euros en subvecións para promover o talento musical...

    A Xunta destina 120.000 euros en subvecións para promover o talento musical galego a través da producción fonográfica

    O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desta liña de axudas para contribuír á realización de 20 proxectos de edición discográfica ou videográfica

    O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Xunta para promover o talento musical galego no ámbito da produción fonográfica, unha liña de apoio ao sector nacida en 2019 e que este ano se convoca por segunda vez mantendo a súa dotación de 120.000 euros e como medida incluída no Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da Covid-19.

    Poderán beneficiarse destas axudas ata 10 proxectos de edición para primeiros traballos discográficos ou videográficos e outros 10 de consolidación para aqueles artistas que xa teñan debutado no mercado. A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que conteña maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

    A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encárgase da xestión deste programa de apoio co obxectivo de favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais, de xeito que se impulse a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.

    Lanzamento e consolidación de novos artistas

    Poderán ser solicitantes as empresas de produción fonográfica con actividade en Galicia que presenten proxectos de artistas que non teñan editado un primeiro álbum ou 10 singles/vídeosingles (modalidade A) ou daqueles que xa conten con este tipo de produtos no mercado, neste caso establecendo como límite catro álbums ou 40 singles/videosingles (modalidade B). O prazo estará aberto desde mañá e ata o 2 de novembro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento CT402F).

    As contías a recibir ascenden a un máximo de 2000 euros para cada un dos 10 proxectos da modalidade A e de 10.000 euros para os da B.

    A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, a partir da valoración das solicitudes por unha comisión de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuran a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, o emprego da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.

    Na resolución do pasado ano obtiveron subvención por medio desta iniciativa os traballos discográficos de debut Canto das Xacias, de Dequenvessendo, e Chichos y sus Chichas, de Ortiga. Tamén se subvencionou o lanzamento doutros cinco discos de consolidación de carreiras musicais: Unaligned, de Agoraphobia, Cantigas Trashumantes, de Mirian Sandoval, o libro-cd O namorar vai nos ollos, de Pablo Sanmamed, Contrapunto, de Tanxugueiras, e Espabila gallego, de Terbutalina.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.