A Xunta de Galicia contará cun Comité clínico de cirurxía robótica para a normalización, coordinación e seguimento da utilización dos robots cirúrxicos Da Vinci. O proxecto da orde que o creará comezou hoxe a súa tramitación administrativa para regular a súa natureza xurídica e adscrición, composición, funcións e réxime de funcionamento e coordinación.
Segundo este proxecto, o Comité estará integrado por 18 persoas, entre as que haberá representantes de cada unha das áreas cirúrxicas susceptibles de realizar a maior parte da actividade con este equipamento: cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía; así como as persoas que desempeñen funcións relativas á organización da actividade cirúrxica nas sete áreas sanitarias.
O principal cometido deste Comité será deseñar os criterios e protocolos de utilización destes sistemas robóticos, para garantir un desenvolvemento progresivo e homoxéneo no emprego desta tecnoloxía en todo o Servizo Galego de Saúde. O obxectivo é definir uns indicadores de calidade en canto a resultados e acordar a porcentaxe de tempo de uso destes equipos que corresponderá a cada especialidade para que sexa igual nas sete áreas sanitarias.
Outras funcións do Comité serán a de asesorar nas materias que incidan directamente na actividade dos Da Vinci, propoñer criterios comúns para a elaboración dos correspondentes protocolos de actuación de forma que se garanta aos pacientes a equidade nesta prestación, así como presentar as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots. Ademais tamén promoverá estratexias formativas para o uso destes equipamentos por parte dos profesionais e servirá de canle permanente de colaboración, comunicación e información entre os distintos hospitais e outros axentes implicados na xestión desta prestación.
A tecnoloxía dos sistemas robóticos Da Vinci
Durante a última quincena de xullo xa se realizaron as primeiras operacións con robots Da Vinci, concretamente máis de 30 prostatectomías radicais (extirpacións totais de próstata) nas sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Así, os equipos de uroloxía dos sete hospitais do Sergas recibiron formación entre o 6 e o 15 de xullo e traballaron con especialistas de hospitais do resto do Estado familiarizados con esta tecnoloxía, facendo observación de casos e recibindo titorías para afrontar estas primeiras cirurxías.
O Sergas xa está a planificar a concreción dos equipos e profesionais que comecen o programa de xinecoloxía e cirurxía xeral en cada un dos sete hospitais da rede sanitaria pública galega, para iniciar a súa formación, e que, nos meses de setembro e outubro, poidan comezar a súa actividade cirúrxica.
Os robots Da Vinci axudan a mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica, fundamentalmente a falta de precisión derivada da redución da capacidade do cirurxián para a manipulación cirúrxica e da perda da sensación de profundidade que provoca a visión en dous dimensións. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, nalgúns casos serían imposibles.
Os beneficios derivados da utilización dos sistemas cirúrxicos robotizados para os pacientes inclúen unha maior seguridade e calidade, diminución da morbimortalidade, menor perda sanguínea, diminución de estancia media no centro hospitalario, incisións máis pequenas, menor dolor postoperatorio, e unha reincorporación máis rápida á vida ordinaria.
Para os profesionais, as vantaxes máis subliñables son a diminución da dificultade cirúrxica, unha maior precisión, a posiblidadade de acceso a zonas complexas, unha excelente visualización e unha maior precisión nos movementos. En canto aos hospitais, as melloras proporcionadas polos sistemas Da Vinci tradúcense na realización dun menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media dos doentes, e menor número de complicacións intraoperatorias e post operatorias.