10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta de Galicia adxudica a renovación dunha das súas tres resonancias...

    A Xunta de Galicia adxudica a renovación dunha das súas tres resonancias móbiles

    A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución pola que adxudica á empresa General Electric Healthcare España a renovación dunha das súas tres resonancias móbiles. Este proceso pecha a aposta que realizou o Goberno galego nos últimos anos para renovar esta flota, que comezou en 2018 coa renovación dunha resonancia magnética móbil, seguiu o pasado ano coa incorporación doutra, e continúa neste exercicio, coa renovación da terceira, que vén de ser adxudicada, por un importe de 891.680 euros.

    En consecuencia, a Xunta superará os tres millóns de euros de investimento dedicado a contar con equipos punteiros neste sistema de resonancias móbiles. Así, nun prazo de cinco anos terase renovado a totalidade destes equipamentos, substituíndo equipos que contaban xa con entre 12 e 15 anos.

    Grazas a estas resonancias móbiles, os pacientes galegos aforraron milleiros de quilómetros en desprazamentos, garantíndose a igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia. En concreto, estes equipos atenderon o pasado ano a máis de 17.000 pacientes, facendo máis de 21.000 resonancias magnéticas.

    Os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior.

    Outras melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía. Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.

    Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

    Este contrato entra dentro dos que está a tramitar a Xunta destinados a canalizar os fondos NextGeneration da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. Ademais deste contrato de resonancias magnéticas, que incluía outras oito ascendendo ata os 10,9 millóns de euros, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria, como a adquisición de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns, de 36 TACs por 21,4 millóns, de tres equipos PET-TC por 5,5 millóns, de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros ou, máis recentemente, de sete equipos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros.

    Aposta da Xunta polos hospitais comarcais

    Esta nova adxudicación demostra tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais. Así, os sete hospitais comarcais terán, no ano 2023, novos TACs no seu haber, xunto coas tres resonancias magnéticas móbiles de última xeración rotando para darlles servizo. A elo súmase á dotación de máis equipamento propio, como os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais.

    Tamén o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico e urxencias. Deles, nove distribuiranse nos hospitais comarcais.

    Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.

    Con todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.