O novo marco lexislativo sobre residuos supón “unha auténtica revolución” que impón aos concellos “esixencias radicais” baixo ameaza de sanción. Así o anunciou onte o vicepresidente César Mosquera quen anunciou que, ante os importantes e urxentes requirimentos que deben facer fronte os gobernos locais, a Deputación de Pontevedra vai tender novamente a man aos concellos da provincia para que a través do Revitaliza vaian “polo camiño que marca a lei”: haberá novas liñas de axudas, darase asesoramento, e ofertarase incluso a creación dun corpo de control e inspección provincial.
O vicepresidente Mosquera vén de convocar unha reunión cos concellos da provincia para este mércores na que explicará todos os cambios da lexislación. Segundo dixo, o novo marco normativo derivado da directiva da UE de 2018, a lei galega de 2021 e a nova lei estatal que está en tramitación no Senado supón un novo enfoque e require tomar decisións ao respecto.
A “fase de buenismo” na que se pretendía acadar obxectivos de reciclaxe a través de accións voluntarias con tratamentos máis ecolóxicos acabouse, segundo dixo Mosquera, e éntrase nunha fase de resultados na que se marcan obrigas claras. Para os concellos isto suporá que de maneira inminente haberá novas esixencias: obriga de cumprir obxectivos de separación e preparación para a reciclaxe; obriga normativa de ter ordenanzas de xestión, servizo e económicas; obriga dun corpo de inspección e control municipal; e obriga de recollida de información e traslado á Xunta de Galicia.
Os prazos para cumprir cos obxectivos de reciclaxe, lembrou Mosquera, están vencidos xa, posto que en xuño de 2020 era obrigado ter preparado para reciclar o 50% dos residuos, en 2025 esixirase reciclar o 55%, o 60% en 2030, e o 65% en 2035. Os resultados actuais distan moito na realidade ,xa que a provincia apenas chega ao 15%, Galicia está entre o 12 e o 13%, e o Estado alcanza o 15-16%. Os únicos municipios que se aproximaron a cumprir no Estado– con arredor do 40% de reciclaxe- foron varios concellos Revitaliza (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario) que quedaron ás portas polas dificultades da COVID.
As sancións están aí, destacou tamén o nacionalista, subliñando que xa hai abertas moitas dilixencias informativas e expedientes a comunidades como Asturias ou Canarias, que deben facer fronte a peticións de 35 millóns de euros de multas máis 6 millóns de euros anuais por cada exercicio que non cumpran coa reciclaxe. “Hai un réxime sancionador que recaerá sobre as comunidades autónomas e moi probablemente rebotará nos concellos. Hai que poñer mans á obra”, destacou Mosquera.
Para facer fronte á situación a Deputación está disposta novamente a dar instrumentos que faciliten cumprir os requirimentos. Segundo adiantou Mosquera, ofertaranse aos concellos liñas de axudas para a elaboración de novas normativas de residuos, cuxa primeira edición foi outorgada este mes. Tamén se ofrecerá que a Deputación sexa a responsable de transmitir a información local sobre os residuos de cada concello á Xunta.
Así mesmo, cabe a posibilidade de crear un corpo de inspección de residuos provincial que dea servizo aos municipios, xa que ningún conta cun corpo de funcionarios de carreira que poida facerse cargo do control da xestión e o tratamento do lixo. Finalmente, está previsto abrir unha nova liña de subvencións co matiz de estar vencellada ao cumprimento de obxectivos de reciclaxe.
“O mércores imos propoñer todo isto aos concellos para saber se queren ir por aí. Os que queiran sumarse, adiante. Os máis avanzados van ter toda axuda e soporte na Deputación”, finalizou Mosquera.