12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación prorroga case un ano o prazo para rematar as obras...

    A Deputación prorroga case un ano o prazo para rematar as obras do Plan DepoRemse

    A Deputación de Pontevedra aprobará na sesión do seu primeiro Pleno telemático da historia, que se celebrará o próximo día 24, a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viais Municipais (DepoRemse) pola que se prorrogará o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, cun montante total de 11 millóns de euros, e que supón un dos maiores impulsos á obra pública na provincia.

    A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou esta medida “na convicción de que estamos a vivir uns momentos históricos e dunha complexidade extraordinaria, polo que as Administracións deben traballar xuntas, sumando esforzos, para facer todo o posible para protexer a saúde das persoas e, en segundo lugar, procurar que a economía se resinta o menos posible. A obra pública, dixo Silva, é un sector especialmente sensible polo seu peso na xeración de emprego.

    Ao mesmo tempo, o apoio aos concellos forma parte do modelo que representa a nova Deputación, polo que diante da actual crise só cabía reforzar a alianza co mundo local”. A presidenta cualificou aos municipios como “a verdadeira vangarda territorial na loita institucional contra a pandemia polo que diante deste escenario que nos toca vivir, non imos consentir que nin unha soa obra, financiada pola Deputación, deixe de executarse por razóns administrativas”.

    O acordo, que será sometido a votación no Pleno telemático do día 24 consiste nunha prórroga de 11 meses do prazo de execución das obras. A data límite actual estaba fixada no 30 de xuño deste ano e agora adíase ao 31 de maio de 2021. Ao mesmo tempo, o prazo de xustificación administrativa continuará a ser de catro meses dende o remate da obra, polo que pasa ao 30 de setembro de 2021. Carmela Silva explicou que a Deputación aposta polo “máximo legal permitido” en materia de subvencións ao obxecto de despexar incógnitas aos concellos. “Un acordo”, continuou, “que tamén vai ser positivo para veciñanza destes 31 concellos, pois en tódolos casos trátase de obras moi necesarias e que van mellorar a calidade de vida”. Neste senso lembrou que tódolos proxectos foron seleccionados, en concorrencia competitiva, polo persoal técnico provincial e atendendo sempre a criterios de mellora da seguridade viaria e humanización dos espazos públicos”.

    Os concellos beneficiarios do Plan DepoRemse son Bueu, Moraña, Barro, Poio, Campo Lameiro, As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Crecente, Covelo, Ponteareas, Silleda, Vila de Cruces, Fornelos de Montes, Baiona, A Guarda, Ribadumia, A Illa de Arousa, Catoira e Cangas-Moaña (que presentaron senllos proxectos coordinados entre os dous municipios). De entre todos eles Barro, A Cañiza, Catoira, Covelo, A Illa de Arousa, Ribadumia, Salceda de Caselas e Silleda teñen rematadas as súas actuacións.

    Tamén están en execución, en distintos grados de madurez, os proxectos de Baiona, Bueu; Campo Lameiro, Cuntis, Crecente, Grove, Guarda, Fornelos de Montes, Moaña, Mondariz, Moraña, Neves, Poio, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa. En fase de licitación están os proxectos de Ponteareas, Pontecesures, O Porriño e, finalmente, pendentes de iniciar o expediente de contratación Cangas e Meaño.

    En canto á tipoloxía dos proxectos todos teñen en común a mellora da seguridade viaria nos seus termos municipais. Así, Moaña e Cangas compartiron a implantación do eixe de mobilidade amable e segura entre os seus centros urbanos. En Bueu optouse pola reurbanización integral da rúa A Pedra. En Moraña trabállase na mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos da Chan de Amil. En Barro, na seguridade viaria en lugares do municipio. En Poio, adaptación integral na contorna da Seara. En Campo Lameiro, na peonalización da rúa José Antonio e conexión da Casa do Concello coa Chanciña. Nás Neves, reforma da rúa Rosalía de Castro. En Salvaterra de Miño, pasos sobreelevados en vías municipais. Na Cañiza, humanización da contorna do colexio de Infantil e Primaria. En Crecente, accesibilidade nos accesos ao colexio, residencia de maiores e o centro de saúde. En Covelo, mellora de viais municipais. En Ponteareas, integración urbana da contorna da piscina, o centro deportivo e o Centro de Saúde. En Silleda, adaptación da contorna do Centro de Saúde e Residencia de Maiores. En Vila de Cruces, mellora da seguridade na contorna do colexio, escola infantil e polideportivo municipais. En Fornelos de Montes, reurbanización da praza da Igrexa e rúas de As Escolas. En Baiona, reforma da rúa Real Sabarís. Na Guarda, mobilidade segura nas rúas Vigo e Celta. En Ribadumia, adaptación dos accesos á escola infantil, colexio Julia Becerra, pavillón polideportivo e campo de fútbol de A Bouza. En A Illa de Arousa, reforma da contorna do Centro de Saúde. Finalmente, en Catoira, estase a mellorar a seguridade dos viais das parroquias de Abalo, Catoira e Dimo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.