12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación premia o talento do alumnado que participou en "Depoemprende na...

    A Deputación premia o talento do alumnado que participou en “Depoemprende na FP”

    “Todos os proxectos son gañadores e extraordinarios porque apostan por un novo mundo no que están presentes valores como o produto de proximidade, respecto ao medio ambiente, sostibilidade ou innovación”. Con estas palabras gabou a presidenta da Deputación a todas as iniciativas que participaron na sexta edición de “Depoemprende na FP” que celebrou hoxe o seu demoday cunha exposición das propostas máis destacadas na que non faltaron os nervios propios do momento, os aplausos do público ou as apertas e festexos ao coñecerse as e os gañadores. Na xornada, celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial, alumnas e alumnos de 8 centros da provincia -Vigo (3), Pontevedra (3), Bueu (1) e Cangas (1)- presentaron os 14 proxectos elixidos polos centros para participar neste certame no que se repartiron 1.900 euros en premios.

    A iniciativa “Pastelería consciente” do CEIFP Carlos Oroza (Pontevedra) alzouse como gañadora da categoría de grao medio, que conta cun único premio de 700 euros. Esta proposta está centrada na alimentación consciente, saudable e con produtos galegos. Os premios para os proxectos de grao superior recaeron en “Tupperdición” do CEIFP Carlos Oroza (Pontevedra) -primeiro premio dotado de 700 euros- e “Optimus” do IES Rodeira (Cangas) -segundo premio con 500 euros-. A primeira delas trátase dun servizo de entrega a domicilio de comidas saudables en tuppers reutilizables. Pola súa banda, “Optimus” ofrece un script que optimiza o rendemento de Windows en equipos obsoletos ampliando a súa vida útil e maximizando o valor dos PC.

    Carmela Silva puxo en valor a calidade destes proxectos e amosou o seu orgullo polo alumnado que participou en “Depoemprende na FP” e que na xornada de hoxe demostrou a “intelixencia e capacidade” que as e os levarán a ser os “seguintes líderes e lideresas da provincia”. Ademais, tivo palabras para as e os mestres dos centros educativos que alén do seu traballo diario se comprometeron con esta iniciativa e sen as e os que “non seríamos capaces de dar resposta ás novas necesidades que temos como sociedade”. A presidenta provincial tamén puxo o foco na Formación Profesional, da que se declarou “fan” e que “cada vez ocupa máis lugar na nosa sociedade ademais de ser imprescindible para garantir que as persoas mozas poidan ter unha vida e empregos de calidade e promover novas iniciativas” como as expostas no Pazo Provincial. E lembrou as cifras nas seis edicións de “Depoemprende” que suman xa 3.464 alumnas/os de 132 centros, “o que mostra o compromiso educativo dos centros desta provincia”.

    Unha provincia chea de talento

    Ademais dos tres proxectos gañadores as e os participantes de “Depoemprende na FP” presentaron iniciativas que teñen tras de si “empresas potentes que dan resposta ás demandas da cidadanía”. Na categoría de ciclo medio o alumnado do CIFP A Xunqueira (Pontevedra) falou no Pazo Provincial de “SAB”, unha iniciativa de domótica que potencia as enerxías renovables, e de “Ponte-Poppins”, un servizo de atención e coidados a nenas e nenos mediante unha aplicación informática. Dende o CIFP Lourizán (Pontevedra) presentaron “Desbroces do que arde”, un proxecto centrado no roza selectiva.

    As propostas de grao superior tamén foron moi variadas. O CEIFP Lourizán (Pontevedra) participou nesta categoría co proxecto “Recalnature”, unha iniciativa baseada na repoboación de montes con especies arbóreas frondosas dando prioridade ás autóctonas. Á exposición de proxectos sumouse o alumnado do IES Johan Carballeira (Cangas) cos proxectos “Belbade S.L.”, baseado na venta de produtos ecolóxicos de hixiene íntima feminina, e “Huella eterna”, unha iniciativa de cremación e sepultura de animais domésticos.

    Nesta categoría tamén expuxo proxectos o CEIF Valentín Paz Andrade (Vigo), con dúas iniciativas empresariais. Unha delas é “Green Office, Sociedad Cooperativa de Galicia” baseada nunha oficina técnica para a xestión de subvencións de enerxías renovables, e a outra “Filo infinito S.L.”, centrada no afiado, fabricación e restauración de ferramentas de corte. Pola súa banda un alumno do CEBEM Formación Profesional (Vigo) presentou “Galecomar”, un software para axudar na xestión das bateas, e o do CIFP Manuel Antonio (Vigo) expuxo dúas propostas: “Bivalvia” e “Scatha cosmética”. A primeira delas é un proxecto empresarial de desenvolvemento de test rápidos e a segunda unha iniciativa baseada en produtos cosméticos con ingredientes galegos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.