19.7 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación pon a disposición dos concellos «D'Pedra», exposición da escola de...

    A Deputación pon a disposición dos concellos «D’Pedra», exposición da escola de cantería

    A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia unha nova exposición do traballo en pedra da Escola de Cantería. Trátase da mostra «D’Pedra», composta por unha vintena de pezas de diversa temática elaboradas polas alumnas e alumnos da Escola. Son pezas exteriores de granito que na súa meirande parte representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá.

    «D’Pedra» é unha exposición que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional. As pezas que se exhiben son obra de Patricia Pazó Vázquez, Alejandro García Álvarez, Marcos Lareo García, Álvaro Somoza López, Rubén Gil Rodríguez, Santiago Rey López, Marcel Kahlbrandt, José Sampedro Caamaño, Jonathan Mariñas García, José Gómez de Bernardo, Lorenzo Lede Mouriño, Jonathan López Otero e Jason Pérez.

    Os concellos xa poden informarse e solicitar esta mostra a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Ao igual que sucedeu o ano pasado coa exposición «Nado en Pedra», esta nova mostra poderá solicitarse por un prazo máximo dun mes e cada concello asumirá o traslado e a instalación das esculturas, ademais de encargarse da súa protección.

    A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. Así, os seus traballos están presentes en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (Estados Unidos), Querétaro (México), Buenos Aires (Arxentina) o Montevideo (Uruguai) entre outros países.

    Ademais, o alumnado ten participado nas obras de restauración de emblemáticos monumentos, como a A Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a catedral de Westminster de Londres ou mesmo as obras de recuperación do edificio do Capitolio de Washington.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.