19.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación mantén en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria do...

    A Deputación mantén en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria do ‘Revitaliza’

    O vicepresidente destaca que o tratamento de residuos é un servizo básico que será atendido polas mestras e mestres composteiros

    A Deputación de Pontevedra manterá en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria (CCC) directamente dependentes do Plan Revitaliza. Segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, a pesares da crise sanitaria do COVID-19, o tratamento de residuos considérase un servizo básico, polo que as instalacións do Revitaliza serán atendidas por equipas de mestras e mestres composteiras co fin de garantir a súa correcta actividade. Así mesmo, dende a Deputación garántese á cidadanía a seguridade do modelo incluso por riba dos sistemas tradicionais.

    Os centros de compostaxe comunitaria que se manteñen en activo son os pertencentes aos concellos que están en Liña-1 (fase demostrativa) que non teñan mestres composteiros propios, e os que están en Liña-2 (implantación extensiva da compostaxe) de nova incorporación que non teñan mestres composteiros propios, así como aos veteranos. Estarán atendidos pola Deputación un total de 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).

    No caso de concellos nos que haxa CCC, mais non dependentes da Deputación, como é o caso de Pontevedra, o consello do persoal técnico provincial é que as administracións responsables os manteñan abertos e atendidos para seguir garantindo o servizo á poboación aínda que sexa con servizos mínimos.

    Tanto o asesor de residuos Carlos Pérez como o propio vicepresidente César Mosquera manifestaron o seu compromiso da seguridade da compostaxe para a veciñanza. O técnico destacou que polas características propias do proceso de compostaxe calquera virus ou outro patóxeno presente nos residuos a tratar é eliminado e hixienizado. “Os virus non soportan temperaturas maiores de 42º xa que nesas condicións morren. No caso dos centros de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55º e sostidas no tempo, polo que a posibilidade de infección directa é prácticamente nula”, explicou Pérez.

    Mosquera destacou, pola súa parte, que se existe un sistema con menos posibilidades de contaxio é a compostaxe, incluso por riba dos sistemas tradicionais. “Se o lixo vén dunha persoa que poida estar infectada, o proceso da compostaxe hixienízao, o que é mellor que que os residuos estean en bolsas a temperatura ambiente”, subliñou.

    En calquera caso, seguindo os protocolos de prevención, e co fin de evitar posibles contaminacións cruzadas na manipulación de obxectos, todo o persoal –mestres e mestras composteiras– tomará precaucións mantendo sempre as mans cubertas para realizar as súas tarefas. Na mesma liña, tal e como rexe na utilización de elementos comúns, ás persoas usuarias recoméndaselle a utilización de luvas para abrir e pechar as tapas dos composteiros e do estruturante.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.