11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación incrementa a máis de 5 millóns de euros as achegas...

    A Deputación incrementa a máis de 5 millóns de euros as achegas aos municipios do Condado e A Paradanta co Plan Concellos 2021

    O Plan Concellos 2021 ascende ata os 42,5 millóns de euros e volve situar á Deputación como a administración provincial do estado que transfire máis recursos

    Os concellos do Condado e A Paradanta recibirán o próximo ano 2021 máis de 5 millóns de euros, (5.038.235€), do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, un aumento nos seus investimentos que se reflicte en todos os municipios e se traduce na maior transferencia de recursos da historia da institución provincial. Os números do Plan do vindeiro ano, que se incrementa a 42,5 millóns, foron presentados esta mañá pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, e responden como en anos anteriores a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade.

    Así, na comarca, os investimentos do Plan provincial serán para Ponteareas de 1.023.927 euros; Salvaterra de Miño 774.445 euros; A Cañiza 566.988 euros; As Neves 556.218 euros; Mondariz 528.711 euros; Covelo 471.218 euros; Arbo 440.625 euros; Crecente 407.325 euros; e Mondariz Balneario 268.774 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a preto de 30 millóns de euros (29.893.894€). Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan “a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos”.

    “Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos” asegurou Silva na presentación. Este ano, “todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior e temos moito orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, “volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios”.

    En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 20.250.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 14.300.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 7.950.000 €. “Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar  a este grupo preto dos 35 millóns de €”. Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.

    O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30% da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidadesderivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20% da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

    Ovicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo da Deputación na axuda aos concellos da provincia salientando que sumado o Plan Concellos (42,5 M€) e as liñas de actuación (Revitaliza, Ágora, actuacións en vías provinciais…), invístense 75 millóns de euros anuais nos municipios, o que supón o 64% dos recursos provinciais unha vez descontado o capítulo de persoal. “Máis é imposible. Estamos a facer un esforzo máximo e non debe haber deputación que faga algo parecido”, subliñou.

    Mosquera fixo fincapé no seu afán de cohesión territorial, xa que destina proporcionalmente moitos máis cartos por habitante aos concellos de menor poboación. “Hoxe fálase da España vaciada, pero a Deputación leva facendo isto dende o ano 2015, dende antes de que se falara disto”, lembrou. Neste sentido, subliñou que para os municipios de menos de 10.000 habitantes só o Plan Concellos  representa máis dunha cuarta parte do seu orzamento. “O normal é que dispoñan de entre 400 e 500 euros por habitante, e a Deputación achega 117 euros. Nalgúns casos pasa do 30% do orzamento, polo que con eses fondos poden actuar razonablemente” achegando servizos á súa cidadanía, subliñou. 

    Balance 2016-2021 : 252 millóns de euros

    “Ningunha administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia” asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos. Deste xeito, desde o 2016 achegáronse máis de 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales case 117 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns e medio de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 52 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. “Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos”, remarcou Carmela Silva.

    En liñas xerais, dende o 2016 e ata o 2020 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.151 actuacións no marco da liña 1, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Pola súa banda, en canto a liña 2 realizáronse ata 1.132 pagamentos de gasto corrente e actividades municipais e a través da liña 3  de emprego puidéronse financiar a creación de 5.199 postos de traballo nos concellos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.