No marco da súa firme aposta pola defensa medioambiental, a Deputación de Pontevedra vai doar especies vexetais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para a súa plantación en xardíns públicos da provincia, co obxectivo de “enriquecer a diversidade botánica e o patrimonio vexetal, amais de mellorar o espazo público”, como destacou hoxe a presidenta, Carmela Silva. Trátase dunha nova iniciativa da institución que permitirá “mellorar a paisaxe e preservar os seu valores ambientais nun momento en que xa ninguén dubida de que hai que tomar decisións para defender a nosa contorna e loitar contra o cambio climático”.
A iniciativa está dirixida a concellos, centros educativos, institucións, asociacións e particulares, que poderán solicitar estas especies para plantar nos seus espazos sempre que se trate de xardíns abertos ao público. Carmela Silva explicou que estas especies son excedentes das cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. “Agora, imos promover que estas plantas, a maioría delas autóctonas, poidan estar no espazo público e o imos facer con transparencia, equidade e con criterios obxectivos a través dun procedemento de concorrencia non competitiva”, explicou.
Neste ano 2021 haberá a disposición 41 especies, entre as que figuran piñeiros, carballos, chopos, tuias, feixoas, cipreses, abetos, palmeiras, hedras ou liquidámbar. Tamén se ofrecerán camelias, en concreto das especies xapónica, sasanqua, reticulata e cultivares híbridos entre outras. As plantas entregaranse ao longo do ano en dous períodos: dos meses de outubro a decembro e de febreiro a maio, coincidindo coas etapas favorables para a súa plantación, e as entidades e persoas interesadas terán que presentar unha única solicitude por convocatoria, na que poderán pedir ata 35 exemplares.
Como explicou a presidenta provincial, con cada exemplar a Deputación entregará unhas fichas técnicas con información sobre cada especie, que deberán estar á vista das persoas visitantes dos xardíns, “de xeito que poderán ser utilizadas tamén como recurso educativo e didáctico” por parte das institucións e concellos. Ademais, proporcionará o correspondente código QR para facilitar a consulta telemática da información de cada planta. As doazóns só estará condicionadas á presentación dunha memoria que incluirá un bosquexo (plano sinxelo) do lugar onde se localizarán os exemplares. Así mesmo, o persoal de Areeiro determinará tamén se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo e poderá suxerirlle á persoa ou institución interesada cambialas por outras consideradas máis idóneas. As bases anunciaranse proximamente a través do Boletín Oficial da Provincia e as solicitudes se poderán realizar a partir do día seguinte ao da súa publicación.