8.7 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación entrega os Premios Otero Pedrayo a Mechu Lamas e Rosario...

    A Deputación entrega os Premios Otero Pedrayo a Mechu Lamas e Rosario Álvarez

    A cultura, as artes e a lingua vestíronse de longo na Deputación de Pontevedra coa solemne gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo 2021, que este ano organizou a institución e que recoñeceu ex aequo a dúas grandes mulleres: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica, Menchu Lamas. Un Pazo engalanado para tan relevante ocasión, cunha longa alfombra vermella que se despregou desde a explanada de Montero Ríos e as escalinatas centrais e se estendeu ata o Salón de Plenos, acolleu a cerimonia que presidiu a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polas representacións das  deputacións galegas, das universidades, da Xunta, dos presidentes da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, e de moitos nomes do tecido cultural e das artes de Galicia. O solemne acto foi conducido pola escritora María Canosa, quen o definiu “como un acto de amor”, e contou coa actuación de Alejo Amoedo ao piano e Lucía Comesaña coa zanfona. Á cerimonia asistiu tamén a escultora Soledad Penalta, autora da peza artística dos Premios.

    Unha recepción ás dúas premiadas pola presidenta da Deputación foi o primeiro dos actos da maña na Sala de Xuntas, onde Rosario Álvarez e Menchu Lamas asinaron no Libro de Honra da institución. Despois celebrouse a recepción oficial ao pe da escalinata exterior do Pazo tras a que a comitiva accedeu ao Salón de Plenos, escenario da Gala de entrega dos Premios. Tras a proxección dun vídeo sobre a figura de Otero Pedrayo e os Premios que levan o seu nome, procedeuse á lectura da acta  do xurado polo presidente da Fundación, Eduardo López, quen oficializou os galardóns a Menchu Lamas, a artista galega de maior proxección internacional, e Rosario Álvarez, a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega. Ambas as dúas tamén foron homenaxeadas coas tradicionais loas que realizaron Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria artística no caso de Menchu Lamas, que puxo en valor que “con ela se recoñeza por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega”, e a escritora Fina Casalderrey para glosar a figura de Rosario Álvarez, da que destacou o feito de ser tantas veces pioneira na proxección da lingua “a María Moliner galega e moito máis, e referente imprescindible no estudo e investigación científica da lingua”. Ambas premiadas se converten amais na cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Premios Otero Pedrayo. As dúas recolleron a peza artística do galardón de mans da presidenta da Deputación de Pontevedra acompañada das institucións que integran os Premios.

    Na súa intervención, a pintora Menchu Lamas mostrou a súa emoción por lograr “un premio que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e fíxonos mirar doutra maneira o que é Galicia, a súa paisaxe cultural”. A artista recreou a complexidade do seu percorrido pola cor, “eu compoño coas cores”, e puxo en valor o traballo da creación: “As creadoras e creadores somos o traballo colectivo do noso tempo, representantes do espírito que nos move no tempo que estamos vivindo. Cando se valora a pintura ou a creación contemporánea, dixo Lamas, se está a valorar o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre”. A artista tamén se referiu á escaseza de mulleres premiadas. “A invisibilidade da nosa presenza, da mirada distinta das mulleres, cando estivemos creando desde que nacemos pero non se miraba”. Menchu Lamas rematou cun canto á arte. “Cando eu fago un traballo non so é para min senón para todo o mundo que o mire e se a alguén lle queda unha pegada do que eu fago non hai maior declaración de amor”.

    Pola súa banda, a lingüista Rosario Álvarez dedicou a súa intervención ao propio “Don Ramón, polo que sentía fascinación”, á docencia, a súa nai e á cidade de Pontevedra. A premiada recordou “aquel 30 de xaneiro do 73 cando con 21 anos asistiu, “sentada no chan”, á conferencia en Fonseca de Otero Pedraio “e fíxome oteriana ante a súa oratoria, a súa sintaxe, o seu don da palabra”. Álvarez, que definiu como unha honra recibir este premio xunto a Lamas, “levamos vidas paralelas, tanto que nunca nos tocamos”, fixo todo un canto á docencia. “Sempre digo que son profesora, porque esa vocación ven da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxeme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables.”. A premiada lembrou a súa nai, “unha verdadeira mestra, a quen debo a miña curiosidade cultural”, e a todas e todos mestras e mestres “porque sempre aprendín das e dos mellores”. Tamén á cidade de Pontevedra “porque as miñas raíces e a súa pegada deixaron en min todo o que fixen ata o día de hoxe”. Álvarez rematou cunha loa ao patrimonio lingüístico “como creación colectiva de homes e mulleres. Concibo a cultura en 360 graos e Galicia é o meu universo”.

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, como entidade anfitrioa da entrega dos Premios deste ano, foi a encargada de pechar a cerimonia. Carmela Silva enxalzou ás dúas premiadas “dúas mulleres que lle poñen altura cultural e intelectual a Galicia”. “Hoxe, dixo a presidenta provincial, Otero Pedrayo estaría feliz e diría que acertamos. Naceron dúas mulleres que traballan para que non perdamos a nosa lingua, a nosa cultura, e naceran outras que seguiran traballando para seguir construíndo”. “Hoxe, subliñou Carmela Silva, é un día fermoso porque recoñecemos a dúas mulleres que rachan coas silveiras para que poidamos atravesalas e que fan aquelo que fai que o mundo sexa mellor, a cultura. Sigamos camiñando entre silveiras, apartándoas para facer un camiño no que Menchu e Rosario van de primeiras e detrás delas tantas mulleres e tantos homes para construír a nosa cultura. Menchu enche de cor a nosa vida e Rosario dende a investigación e a palabra segue a estudiar con rigor e innovación unha lingua que é imprescindible manter viva”.

    A presidenta da Deputación, que citou a Victor Freixanes, Xesús Alonso Montero, ou José Manuel Rey entre as moitas das personalidades da cultura, das letras e das artes presentes no Salón de Plenos, apelou ao orgullo “da nosa cultura creativa, da nosa arte en todas as disciplinas, un pobo cunha historia política e unha sociedade que foi deixando pegada e cunha lingua propia que é o noso pensamento, a que nos constrúe”. Carmela Silva rematou sinalando que “hoxe celebramos todo iso e homenaxeamos ás persoas que constrúen cultura”, sen esquecer “tanto tempo sen que os nomes das mulleres foron recoñecidos aínda que sempre estiveron. Por iso, resaltou, este Premio Otero Pedraio é moi especial, porque homenaxea a dúas mulleres que tanto nos dan, ás que tanto debemos e ás que próximas xeracións tanto lles deberán”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.