14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación da voz ás activistas polos dereitos humanos de Nicaragua e...

    A Deputación da voz ás activistas polos dereitos humanos de Nicaragua e Colombia

    Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Cuetia inician mañá en Vilagarcía o ciclo de conferencias 'Defensoras de dereitos' para amosar a situación dos seus países a través das súas vivencias

    Tanto Georgina de los Ángeles Molina Rivera como Alicia Valencia Cuetia non poden, polo momento, volver aos seus lugares de orixe. O seu papel como activistas na defensa dos dereitos humanos en Nicaragua e Colombia, respectivamente, motivou a súa fuxida precipitada dos seus fogares e hoxe só piden ser escoitadas para que a comunidade internacional coñeza o que está a suceder nestes países. As súas historias formarán parte do ciclo ‘Defensoras de dereitos’, co que a Deputación de Pontevedra visibilizará a loita das mulleres do activismo en América Latina a través dunha serie de charlas que comezarán mañá en Vilagarcía (19 horas no Salón García), coa presenza destas dúas protagonistas.

    Molina e Valencia foron recibidas hoxe, xunto ás representantes da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento María Paz e Gema Filgueira, pola deputada provincial Iria Lamas, que se amosou impactada polas súas traxectorias e quixo poñer en valor o seu traballo a prol da defensa dos dereitos humanos. “Defensoras de dereitos quere promover os valores, o respecto á convivencia, á critica e o compromiso social –subliñou- É o tempo de poñer en valor ás persoas. Alicia Valencia díxonos que cando as mulleres avanzan, os homes non retroceden, avanza toda a sociedade. Georgina e Alicia realmente avanzan polos dereitos. Que mellor voz que a súa para falar do que sucede en Colombia e Nicaragua”.

    Alicia Valencia é membro da Asociación de Cabildos Indíxenas do Norte do Cauca e explicou que tres anos despois da sinatura dos acordos de paz en Colombia, “o Goberno está violando estes acordos” e “hai máis mortos que no propio conflito, porque xa se vai contra a comunidade civil, as mulleres e os menores”. Nesta zona, “sae o narcotráfico e entran as armas para os disidentes que non aceptaron os acordos de paz” e neste senso afirmou que nestes momentos. “levamos 68 indíxenas asasinados, 139 ameazados, 15 atentados e 7 masacres”.

    Explicou que traballaba como garda indíxena para a defensa da natureza, o territorio, a lingua e as mulleres da súa comunidade e que foi no momento en que quería loitar contra o recrutamento de menores cando sufriu ameazas dun propio familiar que a obrigaron a marchar. Valencia indicou tamén que no norte do Cauca colombiana, os indíxenas foron despoxados das súas terras por terratenentes ou multinacionais, nun continuo “saqueo do territorio”. “Estamos resistindo”, concluíu, tras lamentar tamén o feminicidio que sofren as mulleres. “Estou aquí porque defendo a nosa cultura, a nosa lingua, e ao Goberno e aos actores armados non lles gusta –sinalou-. Ser líder é unha ameaza. Queremos que os estados internacionais recoñezan que aí estamos. Estamos loitando polo noso territorio, pola vida e imos continuar ata que se apague o sol”.

    Pola súa banda, Georgina de los Ángeles Molina Rivera traballaba desde o movemento feminista como terapeuta con mulleres vítimas de abuso sexual (ela mesma foi vítima á idade de seis e sete anos) e foi ameazada no 2018 despois de levar alimentos ás persoas mobilizadas contra o Goberno de Daniel Ortega . “Dixéronme que o meu cargo era de financiación ao terrorismo, só por levar arroz, aceite ou auga a estas persoas, por axudarlles a defender un dereito”, sinalou. Cando a situación xa non lle permitía saír sen perigo da súa propia casa ou mesmo acudir ao seu traballo, decidiu fuxir do país: “Saín como unha criminal de mi país, pero os criminais son eles”, algo que aínda non asimilou. “Pensaba que sufrir abuso aos sete anos era o peor que me podía suceder, pero é terrible volver a sentir esa vulneración”, lamentou. “Queremos que nos escoiten, que se informen do que está a pasar”, concluíu.

    A Deputación organiza as actividades de ‘Defensoras de Dereitos’ en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, que agrupa a 47 entidades situadas en Galicia e está avalada polo apoio de 23.000 persoas, como explicou a súa directiva María Paz. As charlas comezarán mañá en Vilagarcía coa intervención de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Valencia Cuetia, que tamén estarán o mércores día 20 en Redondela ás 19.00 horas na Casa da Cultura. Posteriormente, o ciclo continuará coa charla ‘Violencias sexuais: da denuncia individual á acción colectiva’, a cargo de Georgina de los Ángeles Molina e a feminista galega Lola Ferreiro, o xoves 21 de novembro ás 19.00 horas na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu. Finalmente a conferencia ‘A resistencia de Nicaragua dende o exilio’, a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Tamara Iyas Morales Orozco, desenvolverase en Cuntis o 22 de novembro ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.

    As charlas complementaranse con actividades de comercio xusto, entre as que se inclúen unha feira, un showcooking e obradoiros infantís e xuvenís en Combarro (Poio), Nigrán e Marín. Así, o 24 de novembro terá lugar a feira ‘Comercio con sentido’ na Praza Rualeira de Combarro (entre as 11 e as 14 horas) e o showcooking ‘Cociñando Comercio Xusto’ na Escola do Campo ás 12.30 horas. O día 26 de novembro no CEIP Chancelas (Poio) ás 10.00 horas terá lugar o obradoiro infantil ‘Coñecendo o comercio xusto a través da cociña’.

    En Nigrán celebrarase o 27 de novembro a feira ‘Comercio con sentido’ ás 9.30 horas no CEIP Arquitecto Palacios e tamén alí, pero ás 12.00, desenvolverase o obradoiro infantil ‘Coñecendo o comercio xusto a través da cociña’. Pola súa banda o showcooking ‘Cociñando Comercio Xusto’, terá lugar ese mesmo día ás 10.30 no CEE De Panxón.

    Finalmente en Marín as actividades se desenvolverán o 28 de novembro. A feira ‘Comercio con Sentido’ terá lugar no IES Chan do Monte ás 10.00 horas e ás 9.10 horas (no mesmo centro) o obradoiro xuvenil ‘Vaia tea’. O showcooking ‘Cociñando con Comercio Xusto’ será tamén o mesmo día ás 19.00 horas no Ateneo Santa Cecilia de Marín.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.