23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación constata grazas ao big data os bos resultados do turismo...

    A Deputación constata grazas ao big data os bos resultados do turismo nas Rías Baixas

    A notoriedade da marca medra un 14% entre maio e xuño

    O destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia conta cunha valoración moi positiva entre as e os internautas. A análise big data que está a facer a Deputación de Pontevedra para coñecer a percepción das usuarias e os usuarios das redes sociais e doutras plataformas dixitais constata unha óptima reputación do destino turístico. O informe bimensual de maio e xuño realizado pola firma líder Brandwatch, baseado en 282.275 mencións de máis de 80.000 autores e autoras con medio millón de impactos, reflicte un sentimento positivo de ata o 44% na conversa, mentres que a notoriedade da marca Rías Baixas experimenta un crecemento do 14% respecto ao bimestre anterior. A cultura e a oferta de turismo activo da provincia espertan un alto grao de interese entre as comunidades das redes.

    “A Deputación é unha grande referencia na dixitalización e estes datos permítennos tomar decisións na promoción e desenvolvemento de produtos turísticos”, destacou a presidenta Carmela Silva. A máxima responsable da institución subliña que “Rías Baixas está consolidado como destino multiexperiencial, con valores recoñecidos como a riqueza paisaxística, as actividades de natureza e aventura, e a sustentabilidade”, o que supón “unha oportunidade de desestacionalización turística que é preciso aproveitar”.

    A conversa positiva alcanzou o 32% en maio e o 44% en xuño, mentres que a negativa apenas chegou ao 3%. A presentación da campaña “É o teu momento” en Fitur 2021, as praias con bandeira azul ou a normativa de areais sen fume son os contidos de maior difusión. “Hai accións que xeran notoriedade e prestixio como os galardóns das campañas turísticas, as bandeiras azuis e a eliminación do tabaco nestes espazos, ou as accións de mobilidade amable”, explicou a presidenta, que salienta que “as administracións locais están a liderar o posicionamento de Rías Baixas – Pontevedra Provincia como un destino de excelencia”.

    Outro dos aspectos que subliña o informe é o alto interese polos espectáculos e os eventos musicais, particularmente os Rías Baixas Fests. “O noso ecosistema musical é un elemento de atracción de persoas ao destino que debemos potenciar”, apunta a presidenta. A cultura é, xunto ao turismo activo, o recurso que xerou maior interese entre maio e xuño. No primeiro caso as mencións aumentaron o 188% mentres que na oferta de ocio e aventura a subida alcanzou o 572%.

    Carmela Silva sinala que o destino “xera un sentimento positivo sen apenas impacto de noticias como a pandemia ou a masificación doutros lugares”, e chama a “preservar esta imaxe como elemento clave para a reactivación”.

    Por outra banda, as iniciativas de responsabilidade social e de loita contra a contaminación reflicten un aumento do 250%, e constátase un alto sentimento positivo sobre o modelo de mobilidade amable do destino. Outro dos factores que inciden na boa reputación e a notoriedade da marca foron os sorteos da campaña #MomentosRíasBaixas, nos que as usuarias e usuarios subían imaxes de instantes especiais vividos na provincia acompañadas de comentarios. Publicáronse máis de 3.000, e participaron activamente 10.000 internautas. A campaña obtivo máis de dous millóns de impactos.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.