12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación celebra o seu primeiro pleno telématico que da luz verde...

    A Deputación celebra o seu primeiro pleno telématico que da luz verde ás novas medidas para paliar a crise do COVID-19

    A corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da pandemia e a presidenta fixo un recoñecemento expreso ao persoal sanitario “e a todas as persoas que desde os seus traballos nos están a coidar nesta crise”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comunicou hoxe á Corporación provincial, no primeiro pleno telemático da súa historia, que convocará aos alcaldes e alcaldesas da provincia a fin de “avaliar cos concellos a situación que están a vivir e as consecuencias da crise sanitaria xerada polo Covid19”. Silva confirmou que o vindeiro mércores, 29 de abril, manterá unha primeira reunión cos alcaldes e alcaldesas dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes, e que convocará un segundo encontro en próximos días co resto dos municipios.

    A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do coronavirus, despois da intervención da presidenta provincial que mostrou o pesar da corporación polas persoas falecidas e trasladou “enerxía e o desexo de mellora” ás que están enfermas. Asemesmo, Carmela Silva fixo un recoñecemento a todas as persoas como o persoal sanitario, que, desde os seus traballos, “nos está a coidar a todas e a todos”. Igualmente tivo palabras de agradecemento para os concellos, “que están a traballar en primeira liña coa cidadanía”, ás funcionarias e funcionarios da Deputación “polo seu compromiso público e inxente traballo”, é a toda a corporación provincial con referencia expresa ao grupo popular. “Non coincidiremos en todo, pero quero agradecer e destacar a súa altura de miras que me emociona”. A presidenta tamén anunciou que remitirá hoxe a todas as deputadas e deputados o documento de traballo que recolle as máis de 180 medidas adoptadas pola institución nestes 40 días, destinadas aos concellos, ás empresas, á cidadanía e aos sectores produtivos, sociais, culturais e deportivos da provincia.

    Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera compartiu na súa intervención plenaria o seu recoñecemento ao bo comportamento que está a ter a sociedade e tamén as administracións e os seus traballadores e traballadoras no que cualificou como “unha catástrofe sanitaria, social e económica”. Destacou que é fundamental seguir o principio de solidaridade e subliñou que, ante a ausencia de material, é preciso repartir os medios dos que se dispón segundo as prioridades, ademais de non crear expectativas de que os que non teñen competencias vaian resolver ningunha situación, xa que iso, dixo, pode levar ao “caos”. “Os responsables –en relación ás autoridades do Estado– deben actuar con clareza, determinación e prudencia, e a sociedade e os sectores económicos deben ter moita paciencia”, subliñou.

    En canto á Deputación, Mosquera agradeceu a actuación do grupo do PP por “arrimar o ombro” nas actuacións do Goberno provincial e transmitiu a súa confianza en que non se rompa a unidade de acción. Destacou que o traballo e a toma de decisións da institución provincial dependerán da evolución da crise sanitaria, xa que a día de hoxe aínda se descoñece se a Deputación vai ter máis ou menos fondos para este exercicio: “Non sabemos se nos van restar fondos dos anticipos do Estado ou haberá fondos extraordinarios”, recalcou, para engadir que haberá que ser prudentes nas decisión para non ter “resultados contraditorios” e non “comprometer a capacidade da Deputación”.

    Finalmente, o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, sumouse aos principios e conviccións da presidenta relativos á crise. Ao respecto, indicou que “non imos engadir nada máis, porque nos sumamos a todas as palabras da nosa presidenta que hoxe é a nosa presidenta”. Ademais, brindou “unidade e respecto”, destacando a importancia da unidade institucional e da cidadanía para conter a pandemia do coronavirus, e apostou por “exercer un principio de confianza” na Deputación

    Respecto ao pleno, a corporación aprobou todos os puntos da orde do día por unanimidade, entre eles a nova medida que a Deputación destina a familias e empresas, o pago fraccionado dos tributos “case a carta”, un novo servizo ao través do ORAL para facilitar o fraccionamento personalizado, sen xuros, do pago das cotas do IBI, o IAE e o IVTM, unha vez se domicilien os abonos. A medida beneficiará ás veciñas, veciños e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pago e recadación tributaria. Amais, a institución tamén prestará o seu asesoramento aos concellos, na tramitación dos expedientes necesarios para a modificación das súas ordenanzas fiscais en relación coas medidas que decidan adoptar. Esta actuación de flexibilización sen xuros do pago enmárcase na batería de medidas, postas en marcha pola Deputación, como os anticipos aos concellos do Fondo Extraordinario de Liquidez, dotado con 21 millóns de euros. Cara á veciñanza reforzáronse os servizos de atención telefónica e telemática ao través da oficina virtual; prorrogouse o calendario fiscal e o período de pagamento voluntario; ampliáronse os prazos para pagos, notificacións, requirimentos, audiencias e recursos, e estableceuse sistema de identificación para a realización de trámites urxentes e inaprazables, a través da Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.depo.gal).

    O pleno tamén aprobou a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) pola que se prorroga o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, cun montante total de 11 millóns de euros, e que supón un dos maiores impulsos á obra pública na provincia. O acordo, que permite un respiro importante aos concellos, consiste nunha prórroga de 11 meses, polo que se amplía ata o 31 de maio de 2021. Ao mesmo tempo, o prazo de xustificación administrativa continuará a ser de catro meses dende o remate da obra, polo que pasa ao 30 de setembro de 2021. Deste xeito, a Deputación aposta polo máximo legal permitido en materia de subvencións ao obxecto de despexar incógnitas aos 31 concellos beneficiarios destas obras, con proxectos na súa maioría de mellora da seguridade viaria e humanización dos espazos públicos.

    Na sesión plenaria tomou posesión como nova deputada provincial Ana María Mejías, que substitúe na corporación a Isaura Abelairas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.