A sede de Vigo da Deputación vén de acoller o evento de presentación de resultados de Depoinnova, o programa que a institución provincial puxo en marcha o pasado mes de xullo co obxectivo de incorporar solucións innovadoras e de vangarda para mellorar dos servizos públicos da propia Administración e dos concellos da provincia e dar resposta a retos “que xa non son de futuro, senón de presente”, como asegurou a presidenta Carmela Silva durante a xornada. Así, puxéronse sobre a mesa 6 retos con “obxectivos ambiciosos pera alcanzables: a dixitalización do ciclo da auga, a xestión de residuos e economía circular, a xestión integral de infraestruturas provinciais, a transformación dixital da administración pública provincial, os programas sociais e de emprego e o Museo de Pontevedra”.

“
Carmela Silva: “No marco de Depoinnova recibimos 72 propostas, o que demostra que estamos á vangarda e que temos empresas innovadoras con xente talentosa e moito coñecemento”
A resposta do tecido produtivo foi “moi satisfactoria”. Recibíronse un total de 72 propostas innovadoras de 42 empresas galegas e do Estado, coas que o persoal técnico da Deputación traballou ao longo dos últimos meses. Delas seleccionáronse 23 coas que a institución provincial elaborou e deseñou a proposta para presentar á convocatoria de Compra Pública de Innovación que o Ministerio de Ciencia e Innovación abrirá no mes de setembro para propostas de máis de 5 millóns de euros. “Isto demostra que estamos á vangarda e que temos empresas innovadoras con xente talentosa e con moito coñecemento, así como universidades, que tamén participaron neste proxecto”, subliñou a presidenta.
En concreto, a Deputación recibiu propostas para os seis retos formulados, que xa levaron á presentación dun proxecto ao PERTE de dixitalización do ciclo da auga que, “cun orzamento de 11 millóns de euros, busca a dixitalización dos 23 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes –explicou Carmela Silva–. Ademais, proximamente abrirase unha segunda convocatoria deste PERTE, ao que queremos presentar un segundo proxecto, neste caso para o resto de concellos de menos de 50.000 habitantes”. No que respecta aos outros cinco retos que se puxeron sobre a mesa, “analizando as propostas recibidas fomos conscientes de que temos que profundar nalgún, polo que abriremos unha segunda Consulta Preliminar ao Mercado co obxectivo de ser capaces de responder a cuestións que son fundamentais e para o que as administracións debemos estar traballando do lado das empresas innovadoras e co coñecemento”, co dobre obxectivo de cumprir cos retos marcados e apoiar e reforzar ao tecido da innovación na provincia.

Tras a presentación de Carmela Silva a deputada provincial Iria Lamas e a directora da Oficina de Proxectos Europeos, Susana Fernández, explicaron cales son as 23 propostas de maior interese para a Deputación, así como os retos que se reabrirán a esta segunda fase de Consulta Preliminar. En concreto, serán o da economía circular para a xestión de residuos, para o que se busca alcanzar unha proposta na que se chegue a pechar o ciclo completo de revalorización e reintegración dos residuos na cadea produtiva; o subrreto dos firmes innovadores para a xestión integral sostible das infraestruturas provinciais, coa finalidade de ir en consonancia cos obxectivos climáticos e a necesidade de reducir as emisións e aumentar a sostibilidade nos procesos de producións, neste caso, do asfalto, así como o subrreto para o desenvolvemento de contornas virtuais para mellorar a experiencias das e dos visitantes ao Museo de Pontevedra. Tamén anunciaron que se aproveitará para propoñer novas cuestións, como, no que respecta á transformación dixital da administración pública provincial, a compra dun asistente virtual intelixente.