A Deputación de Pontevedra inicia esta fin de semana as actividades coas que conmemorará este ano a celebración do Día Internacional do Libro, que se celebra o vindeiro día 23. Una especial efeméride que este ano será distinta polas circunstancias excepcionais derivadas do COVID-19 e que, como destaca a presidenta Carmela Silva, “reforzan a necesidade de compartir cultura, de sentirnos parte dun todo. Aproveitemos para saír deste encerro físico temporal e viaxar cos ollos abertos a través de historias descoñecidas e personaxes sorprendentes -subliña Silva-. Será unha entretida aventura para todos e todas”.
Enmarcadas nas propostas deste abril como o Mes da Cultura, estas iniciativas inícianse nas redes sociais da Deputación, onde ao longo dos próximos días iranse compartindo desde os distintos perfís da institución arredor de trinta citas de autores da literatura galega e universal. Son frases que, como di a presidenta provincial, “xa forman parte da nosa vida, pequenas xoias que aparecen nos libros ou nas citas das túas autoras e autores favoritos, que te inspiran e te acompañan”. Por elo, a institución invita tamén á cidadanía a compartir as súas citas favoritas e novas propostas de lectura, as frases que inspiran e acompañan no seu día a día e para elo abriu unha xanela común para compartilas nas redes sociais a través da etiqueta #adepocalectura.
A primeira das citas coas que a Deputación iniciará esta proposta corresponde a Miguel de Cervantes (Nalgún lugar dun libro hai unha frase agardando por nós para darlle un sentido á existencia) e, ata o día 23 iranse colgando outras relacionadas sobre libros e lecturas (de autoras e autores como Jane Austen, Ana María Matute ou Italo Calvino entre outros); citas da literatura universal (de Mary Shelley, Pablo Neruda, Virginia Woolf, Quevedo ou Isabel Allende), e de autores e autoras galegos como Fina Casalderrey, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Manuel Rivas ou Uxío Novoneyra.
O eixo central da semana do Día do Libro será o convite da Deputación á cidadanía a participar nunha viaxe literaria a través de sete grandes obras da literatura universal de autores e autoras dos cinco continentes, que falan dos grandes temas que preocupan á humanidade: o amor, a dor, a amizade, a guerra, a liberdade ou a familia. Mulleres e homes que nos falan da liberdade, da esperanza, da supervivencia e da amizade, pero tamén da guerra, do fracaso, do racismo, do machismo e da infamia. Así, por medio dun mapa virtual farase parada en autores de referencia como Rosalía e Cervantes (coas obras “En las orillas del Sar” e “O Quixote”) da literatura europea; Harper Lee e Gabriel García Marquéz (cos libros “Matar a un ruiseñor” e “Cen anos de soidade”), de América do Norte e do Sur; Mariama Bâ (“A miña carta máis longa”), de África; Khaled Hosseini (“Cometas no ceo”), de Asia e Kate Grenville (“Sara Thornhill”), de Oceanía.
Amais, autoras e autores contemporáneos tamén compartirán coa cidadanía os seus libros de referencia a través dun vídeo que se colgará o día 23 na web da Deputación. Nel poderase escoitar a Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Ledicia Costas, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro, Silvia Penas, que nos agasallarán coa mellor literatura: “a que nos compromete, a que nos emociona, a que nos fai pensar, a que nos fai máis libres”.