Sábado, 15 Febreiro de 2025

A Deputación acepta a proposta dos novos GES pero advirte á Xunta “que é a última vez que admitimos decisións unilaterais sen negociación previa”

Carlos Font lembra que “democracia é acordar as propostas con anterioridade e non actuar pola vía dos feitos e da imposición, algo cada día máis habitual na Xunta de Galicia”

A Deputación de Pontevedra insta á Xunta a convocar “de forma inmediata” á Comisión de Seguimento para pechar a decisión sobre os novos GES da provincia. O deputado provincial Carlos Font recordou que que “nos comprometemos a fixar posición en 24 horas unha vez que a Xunta nos remitira a documentación que levabamos días pedindo. Onte tivémola e en menos de 24 horas teñen a nosa resposta”.

Neste sentido, Font anuncia a posición favorable da Deputación á proposta sobre os novos emprazamentos, aínda que advirte ao goberno galego que “en cuestións que teñen que ser financiadas por ambas as dúas administracións, é a última vez que imos permitir que a Xunta o faga de xeito unilateral, sen pactar previamente as propostas. Se isto volve a ocorrer, engadiu o deputado, non asistiremos ás convocatorias que se fagan. Democracia, dixo, é acordar as decisións con anterioridade, e non actuar pola vía dos feitos e da imposición, algo que cada día é máis habitual na Xunta de Galicia”

O deputado sinala que a Deputación non se oporá aos novos GES aínda que subliña que na Comisión de Seguimento, que “esperemos que a Xunta convoque canto antes, plantexaremos que O Grove entre no sistema dos GES fora de convenios singulares. Entendemos que ao ser un istmo só se cubriría o seu territorio, dixo, pero foi un compromiso de fai anos da propia Xunta e pediremos que o cumpran”. Font tamén sinalou que “tamén seguimos sen entender a razón que leva á Xunta a incluír a Mos nunha dobre sede, cando segundo os propios mapas da Xunta de Galicia este concello está cuberto por isocronas de entre 10 e 15 minutos. Aínda así, dixo, ímolo a aceptar”.

Carlos Font, que recordou que as deputacións terán que facer un investimento de 112.000 euros por cada un dos novos GES, “e iso significa preto dun millón de euros que aportaría a Deputación de Pontevedra”, mostrou a satisfacción do goberno provincial “porque finalmente triunfara a nosa posición sobre a necesidade do modelo de isocronas que esta Deputación leva anos a defender para a provincia”.

Pola contra, o deputado tachou de “ridícula e infantil a estratexia destes días nos que vimos un desfile circense e escalonado de cargos públicos do PP, para denunciar non sabemos que cousas, e que demostra ás claras a administración autonómica que temos”