11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Confederación de ANPAS galegas asegura que as familias "están fartas da...

    A Confederación de ANPAS galegas asegura que as familias “están fartas da Consellería de Educación”

    Pasadas dúas semanas do remate do curso escolar, este foi definido pola Confederación de ANPAS Galegas como “o curso escolar máis sorprendente da nosa historia recente”, sorprendente afirman, por ter vivido máis dun terzo da súa duración baixo o estado de alarma “pero sorprendente sobre todo porque vivimos a desaparición real dunha administración educativa que debera ter asistido permanentemente a familias e alumnado”.

    Reproducimos o comunicado da Confederación por considerar que é tan contundente como explicativo.

    Durante os máis de tres meses que pasaron dende o 16 de marzo até o 19 de xuño, a consellaría só estivo presente para culpabilizar a outros axentes da súa propia incapacidade, Nin tomou decisións, nin organizou alternativas, nin forneceu ás direccións e profesorado dos centros das imprescindíbeis instrucións para continuar e rematar o curso académico 2019-2020.

    Toda a comunidade educativa fixemos o que puidemos para continuar, cun enorme traballo do alumnado, a quen debemos o noso aplauso en primeiro lugar, e tamén das familias e do profesorado. Facermos o que puidemos non quer dicir que o curso rematara con éxito, nin que se fixera todo o que se debeu facer. Non deixamos de sentirnos magoadas polo abandono que sufriu boa parte do alumnado galego, pola desatención absoluta ás persoas que tiñan necesidades especiais de apoio educativo, pola incremento enorme da fenda socioeconómica provocado pola inutilidade dos nosos gobernantes educativos, ou polas diferenzas de trato entre centros educativos e persoas, resultantes dunha xestión que só pode cualificarse como nefasta.

    Todo isto que pasou, e cómpre non esquecelo, ocorreu co alumnado na casa e co profesorado confinado, por así dicilo o problema sanitario non tivo case presenza no trimestre pasado; os centros escolares libráronse de seren centros de risco e contaxio. E nin así a consellaría de educación foi quen de facer cousa diferente que entregar a solución de todos os problemas aos diferentes actores da comunidade educativa, sobre todo a familias e alumnado que tivemos que facer de improvisadas docentes, orientadoras e persoal de apoio das nosas fillas e fillos, ou de nós mesmas en moitos casos.

    Pero o curso próximo xa non hai excepción sanitaria, o curso vai comezar co alumnado dentro das aulas, con clases presenciais e cunha enorme inseguridade por parte dos que realmente somos o Ensino Público Galego: o alumnado, as familias e o persoal docente. E todas nós estamos absolutamente indignadas pola falta de respecto que supón a permanente ineptitude da consellaría de Educación.

    Temos dereito a coñecer como se vai organizar o próximo curso, cales van ser os requisitos de espazo, de comunicación, de distribución de aulas, de utilización de instalacións comúns, de entradas e saídas dos centros, de como se vai garantir a seguridade das nosas fillas e fillos, e a das súas familias en consecuencia, en transportes e comedores escolares xa de por si saturados.

    Temos dereito a saber de que maneira a consellaría de educación ten planificado como vai atender ao alumnado galego en centros escolares masificados, con rateos por aula absolutamente desbordados logo de anos e anos de recortes innecesarios, con instalacións cun mantemento insuficiente, e cuns orzamentos constantemente á baixa.

    Temos dereito a saber cales son os protocolos sanitarios que van permitir detectar casos de infección, polo COVID-19 ou por calquera outro virus, cando a administración educativa galega leva décadas negándose á incluír nos centros a figura do profesional sanitario -que tan excelente uso tería tido neste recente pasado- , e continúa fiando a resolución de todos os problemas a equipas docentes que non saben nada -nin teñen porqué sabelo- de prevención de contaxios ou control de epidemias.

    Temos dereito a coñecer cales son os plans que van impedir que o alumnado volva a estar abandonado nunha máis que posíbel repetición do escenario, tal e como ocorreu no trimestre último do curso 2019-2020. Porque, onde está a planificación e o diñeiro que van garantir un Ensino Público realmente gratuíto, XA, AGORA MESMO ?, e que garanta a accesibilidade total de todo o alumnado galego a todos os medios necesarios, para que non se repita a fonda discriminación que vimos de sufrir neste derradeiro trimestre pasado.

    Pero imos máis aló. O que se fixo nestes meses co alumnado de necesidades específicas de apoio educativo foi unha auténtica labazada a ese pretendido e nunca conseguido “estado de inclusión ideal”, que esta inútil consellaría de educación ven vendéndonos dende sempre. Este alumnado ficou abandonado, agás dunhas poucas excepcións, nas súas casas; perdendo en moitos casos o que tiña progresado clínica e emocionalmente, e retrocedendo na súa aprendizaxe e incorporación ao grupo escolar. A consellaría, de novo, tampouco fixo nada para solucionar esta situación, limitouse a dar ordes de que outras -sen formación, sen medios, sen coñecementos- resolveran por ela.

    A maiores dos aspectos sanitarios, fundamentais e prioritarios; do tratamento da diversidade, igualmente fundamental se queremos que as nosas fillas e fillos reciban da Escola Pública a formación que precisan para un mundo moderno e participativo; da equidade esnaquizada polo tratamento discriminatorio recibido polo alumnado galego; a maiores de todo iso está tamén a realidade académica que se nos ven enriba.

    Este curso rematou en falso, e así hai que dicilo con rotundidade. Non é certo que se creara da nada unha formación en liña que fora aproveitábel por todo o alumnado; non é certo que todo o alumnado estivera conectado; non é certo que todos os nosos fillos e fillas tiveran as mesmas oportunidades e a mesma atención. Por iso, como xa dixemos hai meses os principais axentes sociais educativos nunha diagnose conxunta e compartida inédita ata ese momento, hai que entender que o curso rematou o 13 de marzo pasado. E que o curso que ven ten que comezar aí mesmo, onde parou, para garantir que todo o mundo poida chegar ao final do curso próximo con garantías de éxito. E nese suposto, onde están as adaptacións curriculares imprescindíbeis?, onde están as instrucións rotundas, claras e definidas que permitan ao profesorado traballar con seguranza no desenvolvemento dun curso fundamental, no que ademais de reincorporar ao alumnado á súa realidade académica hai que devolvelo a un mundo escolar, afectivo, grupal, do que se viu separado durante seis meses ?

    A resposta a todas as nosas preguntas é sempre a mesma: non hai nada feito, non hai nada previsto, non hai un plan A, un B ou un C, non hai organización, nin instrucións, nin ideas; non hai máis que estratexia de inaccións, semella que pensan que non facendo nada non se están a equivocar, pero é falso: así é como se equivocan de cheo.

    As familias galegas estamos fartas da consellaría de educación, de quen a representa e do equipo que a dirixe, sabemos que non nola merecemos, e esiximos un rotundo cambio. Queremos unha consellaría que fale con nós, que inicie canto antes un diálogo de traballo, e que se responsabilice do que vaia suceder a partir do 10 de setembro. Porque son as nosas fillas e fillos quen pretenden que estean nas aulas, e nós non queremos que estean do xeito irresponsábel que este grupo incompetente está deseñando.

    Conselleira, traballe ou dimita, o que sexa, pero fágao canto antes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.