Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O equipo cadete do C.B. Nigrán, subcampión de Liga

Os cadetes adestrados por Nuria Gómez, pechan unha brillante tempada

O equipo cadete do C.B. Nigrán proclamouse esta mañá subcampión da liga desta tempada 2019-2020. Foi un camiño longo e cheo de dificultades no que, en máis dunha ocasión, houbo que sacar forzas de flaqueza para remontar resultados adversos.

Son 11 xogadores que proveñen das escolas que o Club ten nos colexios de Nigrán e outros concellos limítrofes, xogadores dos que a súa adestradora, Nuria Gómez síntese “fondamente orgullosa” polo seu “tesón, constancia, ambición e pola marxe de mellora co que aínda contan”.

Foi, como sinalabamos, unha liga longa que arrincaba no mes de outubro e nunha categoría, a cadete, na que os rivais teñen un alto nivel de competición que fixo que os de nigrán enfrontaran cada partido como unha final. Esa mentalidade perfectamente inculcada pola súa adestradora, fixo que o equipo fora quen de poer chegar ao que, en principio, era un obxectivo case que utópico: disputar a final de liga.

Meterse entre catro primeiros foi complicado e, unha vez feito, tiñan que salvar o escollo, sempre complicado, de gañar ao Seis do Nadal a dobre partido. En Nigrán, como todos coñecen, empezouse a acariñar o soño cando o C.B. Nigrán superou este primeiro partido de ida gañando por case vinte puntos ao seu rival arroupados por unha bancada na que familias dos xogadores e demais familias do CB Nigrán foron un factor crave na devandita vitoria.

O equipo sabía o que se xogaba no partido de volta, nunha cancha sempre difícil e onde o rival desde un primeiro momento non puxo as cousas fáciles ao club nigraniense que tivo que mostar a súa mellor versión na cancha. Pero como sempre, pelexaron duro e conseguiron así meterse na final da liga.

Soño alcanzado

O soño estaba logrado. A base de tesón, bo xogo, moito esforzo e saber superar as dificultades, os de Nigrán recibían na casa ao PBB do Porriño onde disputaron un partido deses que espertan afición a este deporte. Logo do partido de volta, na vila da Louriña, o C.B. Nigrán remataba como subcapión de liga, poñendo un magnífico broche a unha excepcional tempada ante un PBB que demostrou que os resultados obtidos ao longo de toda a liga regular, semifinal e final, non foi froito da casualidade.

En todo caso, este grupo de xogadores do Nigrán escribiron unha páxina moi importante na historia do Club, un club que segue conseguindo éxitos deportivos que atesouran o bo traballo que se realiza día a día.