Luns, 17 Marzo de 2025

O Concello de Nigrán subvencionará os envíos a domicilio dos veciños que fagan pedidos de comida en negocios do municipio

Un total de 13 locais apuntáronse na guía hostaleria de 'delivery' e 'take away' que o Concello promoverá desde hoxe baixo o lema 'Agora máis que nunca, a hostalería precisa de nos'. A todos eles o Concello ofrecerá o reparto gratuíto (como xa o fai cos adscritos a DBarrio)

O Concello de Nigrán subvencionará os envíos a domicilio dos veciños que fagan pedidos de comida en negocios de Nigrán, tal e como xa o fai a través da plataforma de comercio electrónico DBarrio, o que supón a gratuidade do mesmo. Nesta app de envío a domicilio o Concello xa asume desde xuño e coas mesmas condicións (veciños do municipio e negocios do municipio) o custe do transporte, limitándose agora só á hostalaría en pedidos de  luns a sábado de 13:00 a 15:00 e de 20:00 a 22:00 horas. Asemesmo, a aqueles que non están en DBarrio e non teñen repartidor,  o Concello tamén lles ofrecerá desde xa este mesmo servizo gratuíto.

“Desde o verán e a petición da asociación de comerciantes Ovalmi, subvencionamos as licencias de DBarrio entre 70 negocios de todo tipo en Nigrán, así como o transporte en determinadas franxas horarias. Ante o golpe que supón para a hostalaría este novo peche ao público consideramos que o solidario e razoable e concentrar esa subvención do envío a domicilio só neste sector e amplialo tamén aos que non están agora mesmo en DBarrio, así dispoñen do repartidor só para eles, o que permite ampliar os horarios”, explica o alcalde, Juan González, quen fai un chamento aos veciños para que apoien aos restauradores facendo pedidos. 

“Agora é unha urxencia contar con reparto a domicilio, pero o que realmente buscamos desde o Concello é afianzar este comercio electrónico de carácter local e que permaneza como o xeito máis sostible e responsable de consumir empregando as novas tecnoloxías. Subvencionando o transporte, facemos que realmente sexa moi interesante para o cliente de Nigrán porque, a diferencia doutras plataformas, non lle suporá ningún custe extra o envío a domicilio. Ademais, tratándose de comercio local, manéxanse tempos de envío que ningunha outra plataforma de caráter internacional pode superar, en menos dunha hora incluso o podes ter na casa”, incide. “En definitiva, trátase de adaptar ao pequeno comercio de Nigrán á realidade do comercio electrónico ofrecendo vantaxes tanto aos establecementos como aos clientes co obxectivo de apoiar aos hostaleiros nestes momentos tan difíciles”, resume.