25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Concello de Nigrán recupera este sábado a gala dos 'X Premios...

    O Concello de Nigrán recupera este sábado a gala dos ‘X Premios Nigrán’

    O Concello de Nigrán recupera este sábado 30 de abril a súa tradicional gala dos ‘X Premios Nigrán’ despois de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia. Como nas anteriores edicións, trátase dun acto público e institucional aberto á participación da veciñanza e arrancará ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. A presentadora Cristina Maró o conducirá e contará coa pianista Brenda Vidal, directora do Conservatorio de Música de Gondomar, e quen interpretará diferentes temas durante a gala.

    Tal e como acordou unánimemente a corporación, nesta décima edición serán homenaxeados no eido social as asociacións veciñais e culturais ‘A Camoesa’; no educativo, ‘CEIP Humberto Juanes’; no empresarial, Bar Camoes; no deportivo, Asociación de Escolas de Surf de Patos; e no Cultural, Teatro do Ar. Igualmente, por vez primeira establecéronse tres mencións especiais: ao maquetista Feliciano Figueiró e aos hostaleiros retirados Horacio Gomes e Gustavo Vidal, fundadores do Venus e El Refugio del Pescador respectivamente.

    O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos galardoados. “Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo teñen contribuído a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento, neste ano estamos ademais especialmente contentos por poder retomar a gala”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

    OS PREMIADOS

    Cultural: TEATRO DO AR

    Teatro do Ar é o soño dun grupo de mozos e mozas de Nigrán que, cando remataron a Educación Secundaria no CPI Arquitecto Palacios, decidiron crear unha compañía teatral onde expresarse libremente. Este ano cumpren 10 anos traballando pola cultura en Nigrán e cun futuro moi ilusionante. Ata o de agora xa levan case unha vintena de obras presentadas. Ademais, crearon este curso xunto ao Concello de Nigrán a primeira escola de teatro municipal. Acumulan varios recoñecementos destacados: finalistas dos premios Xuventude Crea 2020 e mención destacada nos Buero Vallejo de Teatro Joven 2021 que organiza Coca Cola. “Apostamos por un teatro propio para trasladar á toda a xente que nos ve a nosa forma de entender esta arte e o mundo que nos rodea”, explica o seu director e dramaturgo, Pedro Rodríguez. Traballan todos os xéneros e agora, ademais de preparar dúas obras novas para presentar durante este ano, están a organizar un forte programa de teatro social para facer a arte accesible. A súa gran calidade, iniciativa, compromiso e xuventude fainos máis que merecedores deste Premio Nigrán 2022.

    Educativo: CEIP HUMBERTO JUANES

    O CEIP Humberto Juanes é probablemente o centro educativo máis querido e popular do municipio por ter formado ao longo da súa Historia ao maior número de rapaces procedentes de todas as parroquias ao desaparecer as escolas unitarias nos anos 70. Actualmente compréndelle o termo de Nigrán e segue a ser o colexio máis numeroso cuns 400 alumnos. Este centro, ubicado no corazón do municipio, destaca sempre pola súa innovación pedagóxica pero, especialmente, pola súa apertura e compromiso coa sociedade que o rodea. Compre subliñar que o seu patio está aberto todas as tardes e fins de semana para aquel neno que desexe acudir a xogar, sendo realmente o gran parque de Nigrán. Igualmente, as súas instalacións acollen altruístamente actividades municipais como ximnasia acrobática e patinaxe ou o propio Banco de Alimentos do Concello. Grazas á iniciativa de toda a súa comunidade educativa conqueriron unha cociña municipal que o Concello ven de facer realidade para que así todos os colexios de Nigrán poidan beneficiarse dela prescindido do actual sistema de catering. E entre as súas múltiples actividades sobresae o tradicional intercambio con Manchester, sendo tamén pioneiros  neste sentido.

    O  actual  C.E.I.P.  Humberto  Juanes  foi concebido,  no  1971, no  chamado “Plan  de  Urxencia  de  Galicia” co  nome  de colexio de  ‘Vilameán’  por  ser   este  o  barrio  de  Nigrán  onde  se  instalou. As  obras  comezaron  o  1  de  marzo  do  1972  e  remataron  o  30  de setembro  dese  mesmo  ano. A  xustificación  fundamental  para  a súa construcción foi  a  de  agrupar  diversas  unitarias  da  zona  nun  só  centro, enchendo as aulas desde o seu primeiro curso en 1973 alumnado de Camos, Nigrán, Panxón, Parada, Priegue e San Pedro. Humberto Juanes, de quen leva o nome, foi o seu primeiro director e quen exerceu o cargo ata 1996/1997 (agás un curso escolar). Actualmente exerce como directora Cristina Fernández Piñeiro.

    Empresarial: Bar Camoes

    O ‘Bar Camoes’,  fundado nos anos 40 por Modesto Pérez Pena e Dolores Fernández Iglesias como taberna e tenda á vez na mesma localización actual na rúa dos Pazos, é o máis lonxevo da parroquia de Camos con tres xeracións xa ao fronte do mesmo. O seu neto Javier Figueiró Pérez colleu o testigo da súa nai en 1981, aínda que cando esta faleceu estivo uns anos sen funcionar. Durante moito tempo foi o único bar de todo Camos ao pechar outros tradicionais da zona como o de ‘Leopoldo’, o ‘Bodegón de Pepe’, ou o que tiña Copena (reaberto anos atrás).  Por este motivo, o ‘Camoes’ servíu como auténtico centro social e recreativo da parroquia, sendo unha verdadeira tradición dos homes de Camos ir a xogar as partidas de cartas ou dominó na tarde dos domingos. “O ambiente desa época xa cambiou, non se xogan case, pero segue a ser un lugar de reunión dos parroquianos, sobre todo homes”, adimite Javier, quen confesa que, precisamente, o trato coa xente é o que máis lle gusta. “É un traballo ameno porque van pasando persoas ao longo do día que che contan as súas historias e tes unha sensación de ir cambiando de escenario”, resume sempre cunha sorrisa.

    Social: A.Veciños Camos e Centro Cultural ‘A Camoesa’

    O Concello de Nigrán quere recoñecer o traballo e bo facer destas dúas entidades da parroquia de Camos por ser verdadeiros núcleos vertebradores da súa vida social, cultural e comunitaria, así como de defensa dos dereitos e intereses da parroquia e os seus veciños, destacando sempre a súa actitude  colaborativa.

    A asociación veciñal foi constituída o 27/05/1979 co fin de defender  os valores culturais, históricos, sociais, humanos, ambientais e urbanísticos, (rúas, camiños, saneamento e abastecemento, iluminación, transporte público). Igualmente, traballa para a mellora das condicións de vida dos seus parroquianos, promove o  desenvolvimiento social, a participación veciñal e ofrece información  de todo tipo. Ademais, a entidade organiza a fogueira de San Xoan con sardiñada gratuíta e colabora con diferentes eventos organizados por outras entidades de Camos, como festas patronais, magosto, festivais, eventos gastronómicos…

    A Asociación Cultural ‘A Camoesa’ dirixe o centro cultural construído pola  Cominidad de Montes Veciñais en Man común de  Camos e inagurado o 20/08/1994.  Nel organizan diferentes actividades, como Costura,  Calceta, Ioga, Zumba, Pilates,Aerobic,  Hip- Hop, Ballet infanti… Igualmente, en Decembro organizan a semana cultural con actuacións teatrais, musicais, humorísticas…  Ademais, ofrecen excursións e participan sempre en outro tipo de actividades organizadas ben desde o propio Concello, ben desde outras asoacións de Camos. Centos de veciños se ven beneficiados do seu bo facer, contribuíndo a aumentar a unión, a amizade e o sentimento de pertenza á parroquia.

    Deportivo: Asociación de Escolas de Surf de Patos

    A Asociación de Escolas de Surf de Patos naceu no ano 2018 e reúne á totalidade de escolas que traballan neste areal: Patos Surf, Prado Surf, Point Break, La Conservera e Dacss. O obxectivo co que naceu é o de coordinarse entre todas elas para remar na mesma dirección en beneficio de todos os usuarios da praia e, ao mesmo tempo, promover a cultura surfeira desta área de Nigrán e os seus valores asociados. Esta unión de forzas fixo que actividades que anteriormente organizaban individualmente agora sexan comúns: Patos Surfing Day, Papa Noeles surfeiros ou xornadas de limpeza no areal. Ademais, a través delas o Concello ofrece desde este ano, e por vez primeira na súa Historia, Surf como actividade municipal a un prezo simbólico, o que permite abrir esta disciplina deportiva a toda a veciñanza e gañar afeccionados desde a infancia. Igualmente, grazas a asociación, os escolares de Nigrán puideron gozar de bautismos de mar gratuítos. Compre destacar que  colaboran activamente en cada campaña do Banco Municipal de Alimentos e todas as causas solidarias que o requiran. A súa especial sensibilidade quedou plasmada o ano pasado organizando o Campionato de España de Surf Adaptado. Patos en Nigrán e Valdoviño na Coruña (municipios irmandados) son as dúas localidades pioneiras en Galicia na práctica do Surf, retrotraéndose a súa orixe a finais dos anos 60 e, en Patos, popularizándose xa por completo nos anos 90 coincidindo coa apertura da primeira tienda especializada en Vigo. Grazas a elas, o surf é actualmente o motor económico da zona de Patos, coa vantaxe de que é unha actividade totalmente desestacionalizada, beneficiosa para a saúde e que promove sempre os valores de máximo respeto medioambiental.

    Mencións Especiais

    Por vez primeira, o Concello de Nigrán establece tres mencións especiais: ao maquetista Feliciano Figueiró e aos hostaleiros retirados Horacio Gomes e Gustavo Vidal, fundadores do ‘Venus’ e ‘El Refugio del Pescador’ respectivamente.

    Feliciano Figueiró, veciño de Camos, desenvolve incansablemente o seu traballo como maquetista afeccionado desde a súa xubilación. Polas súas mans pasaron a Sagrada Familia, as catedrais de Burgos ou León, La Peregrina, A Almudena, o propio Concello de Nigrán… Centos de obras que regala coa única condición de que sexan expostas nun lugar visible. A súa paixón xurdiu cando apenas contaba con trinta anos, durante a década na que estivo embarcado na mariña inglesa. Alí sobráballe o tempo e decidiu dar renda solta á súa habilidade sen ter ningún coñecemento previo de carpintería ou enxeñería. Cando regresou a terra, Feliciano abandonou unha afección que non volveu reaparecer ata a xubilación dando os seus maiores froitos.

    Horacio Gomes e a súa esposa Rosario Iglesias, un matrimonio de emigrantes retornados de Francia, investiron en 1975 todos os seus aforros na compra dun espléndido solar fronte ao Concello de Nigrán para abrir a histórica  “Cafetería  Venus”. A estupenda acollida do negocio propiciou a súa rápida ampliación a Restaurante co famoso “ Bacalhau  á  Venus” como plato estrela, tan famoso que mesmo se chegou a mandar por mensaxería 24 horas a toda España. Nas súas mesas xestáronse moitas das negociacións que, durante a Transición, non ían adiante no  Concello: “á miña casa entraban de todas as cores, e todos se saudaban e respectábanse”. Entre os seus clientes ilustres, todos os alcaldes do municipio da etapa democrática, os presidentes da Xunta Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, o ministro Javier Solaina, e outras moitas personalidades da vida social, económica e política local, que honraban a casa coa súa presenza. En 1982, impulsados polo éxito do restaurante e o notable auxe do turismo na zona, Horacio e Charo ampliaron de novo o seu servizo abrindo tamén no edificio un pequeno Hostal de 8 habitacións que, co tempo, pasaría a ser de 17 e a denominarse Pensión. En 1999, e despois 23 anos de servizo ininterrompido, retíranse da cafetería-restaurante, a cal -tras dous breves arrendamentos- pasa en 2004 a mans de Amador Domínguez, o seu xerente ata hoxe e propietario da pensión desde 2020.

    Gustavo Vidal ‘Tavo’ pechou este ano as portas de ‘El Refugio del Pescador’ tras 40 anos adicados a este histórico restaurante do peirao de Panxón. En 1984 comenzou a súa andaina coa apertura dun pequeno establecemiento moi próximo ao Náutico nun local anexo á carpintería do seu pai Ricardo (nel se reunían os mariñeiros pero tamén os visitantes do verán) e que co paso dos anos se ampliaría con tres grandes salóns chegando a servir a 100 comensais ao día.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.