O goberno de Nigrán presentará no pleno ordinario de abril o novo prego de prescricións técnicas que rexerán a contratación do ‘Servizo de Axuda no Fogar’ (actualmente prorrogado) aumentando a licitación de 165.000 €/anuais a 580.000 € e primando a calidade sobre a oferta económica. A duración será de dous anos con posibilidad de aumentalo a outros dous (de 2021 a 2025) sumando un total de 2.319.000 €, cifra histórica neste servizo de caracter social. Este gran incremento responde, principalmente, á vontade do goberno local de duplicar o número de beneficiarios, sendo actualmente unhas 60 persoas. O importe da licitación supón un máis dun 10% dos recursos ordinarios do orzamento, polo que o alcalde, como fixo coa tramitación da Biblioteca Municipal con toda a corporación a favor, levará ao vindeiro Pleno do 26 de abril unha petición de delegación de competencias para poder levar adiante a contratación.
“Este servizo clave da nosa política municipal ‘Un Nigrán para todos’ é básico para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes porque atende prácticamente a todos os aspectos da súa vida cotiá para que poidan seguir nos seus domicilios sen caer na exclusión social, ademais, é compatible con outros servizos como Xantar na Casa”, destaca o alcalde, Juan González.
Desde a Concellería destacan a principal novidade, que é que puntúa a garantía da calidade do servizo (51 puntos) por riba da mellor oferta económica (49 puntos) e inclúe tamén como baremo a mellora das condicións laborais dos empregados co obxectivo de garantir máis xornadas laborais completas. Ademais, o contrato por vez primeira dá cobertura a todos os días da semana incluídos sábados pola tarde, domingos e festivos (a intensidade horaria depende de cada programa individualizado pero nunca será inferior a unha hora diaria).
Entre os criterios vinculados coa calidade figura o apartado de ‘melloras de axudas técnicas’ comprendendo tres lotes puntuables nos que se especifican aportacións da empresa como cadeiras de rodas, guindastres de mobilización persoal con arnés universal, camas articuladas, asentos xiratorios de bañeira, muletas, almofadas antiescaras, andadores… Valóranse tamén as melloras relativas a atencións complementarias, como por exemplo, o servizo profesional de fisioterapia a domicilio ou de podoloxía, o acompañamento, ou unha bolsa de horas a maiores dun máximo de 350 horas/ano. Igualmente, o contrato está adaptado á nova realidade sanitaria e especifica que debe correr á conta da empresa fornecer de máscaras ou xel hidroalcohólico aos empregados (ao marxe da vestimenta ou transporte, que tamén corre a cargo da empresa). Finalmente, o contrato mesmo regula a cobertura dos servizos mínimos en caso de folga legal do servizo.
O Servizo de Axuda no Fogar está dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias (dependentes ou persoas maiores con déficits de autonomía) favorecendo a autonomía no seu domicilio mantendo as súas redes de relación familiar e social, retardando ou evitando a institucionalización ou exclusión social. Para elo, o usuario recibe axuda nas actividades da súa vida diaria (hixiene persoal, apoio en cambios posturais, supervisión do réxime alimenticio ou de medicación…), de acompañamento para consultas ou tratamentos ou xestións e de necesidades domésticas da vivenda (limpeza, compra ou preparación de alimentos, lavado de prendas…), de atención psicosocial e educativo .