14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán reúne a animadores e educadores infantís para lanzar vídeos de entretemento...

    Nigrán reúne a animadores e educadores infantís para lanzar vídeos de entretemento para as nenas e nenos

    Voltereta e Volvoreta, Donde viven los cuentos, o paiaso Peter Punk e o Mago Rei Midas elaboraron vídeos orixinais para subir ás redes sociais do Concello e animar así ás crianzas

    O Concello de Nigrán reuníu aos especialistas en entretemento infantil do municipio para lanzar desde este sábado a través das redes sociais do consistorio (Facebook Concello De Nigrán, youtube e na web www.nigran.es) pequenos vídeos con contidos exclusivos destinados aos cativos. A iniciativa encádrase na campaña municipal ‘Paciencia, Cariño e Calma’ que pon o punto de mira nos pequenos da casa, os que máis ríxidamente sufren o confinamento.

    Así, o dúo de animadoras Nanda e Ana de ‘ Voltereta e Volvoreta’, as especialistas en animación á lectura e ocio infantil Carla e Loreto de ‘Donde Viven los Cuentos’, o paiaso Peter Punk (Isaac Rodríguez) e o Mago Rei Midas con Valeria Varitas elaboraron pezas de cadansúa especialidade (cada un por separado, incluso os dúos) para facer o confinamento dos nenos as súas familias máis levadeiro. Contos, manualidades, shows e trucos de maxia ou números cómicos concentran o contidos destes vídeos que comezarán a divulgarse o sábado e que se suman á iniciativa lanzada a inicios de semana polo Concello de Nigrán para promover os aniversarios ‘de balcón’ (O Concello avisa a través das redes sociais para que os veciños saian a cantarlle no seu día e, ademais, lles agasalla cunha sorpresa).

    “Queremos ofrecer contidos de calidade aos nenos para que pasen mellor estes días e, ao mesmo tempo, apoiar aos especialistas de Nigrán que traballan con eles porque precisamente nestes intres que non poden desenvolver a súa actividade son imprescindibles”, sinala o alcalde, Juan González. Nigrán conta con 2.675 menores de idade e, deles, 2.186 teñen menos de 14 anos ou 14, colectivo infantil ao que se dirixen especialmente estas propostas.

    Paciencia, Cariño e Calma

    O Concello de Nigrán lanzou a inicios de semana a campaña ‘Paciencia, Cariño e Calma’ para volver a facer visibles aos nenos e nenas nas rúas do municipio. O goberno local insta ás crianzas a debuxar un corazón baixo este lema e a pegalo nas súas xanelas ou balcóns e nas redes sociais co hashtag #NigranQuedaNaCasa. O modelo de ilustración está dispoñible na web municipal e no facebook oficial Concello De Nigrán (para todo aquel que prefira simplemente imprimilo).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.