O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece mañá martes 6 de agosto en Panxón unha nova ruta dentro do programa das ‘Xeiras de verán 2019’ do Instituto de Estudos Miñoranos titulada ‘Retallos de historia, etnografía e arquitectura’ que será guiada por Antonio Soliño Troncoso e Anxo Rodríguez Lemos.
O percorrido, de mínima dificultade e unha lonxitude total de 1,5 km., totalmente urbano, durará unhas tres horas aproximadamente.O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos, a duración aproximada é de 3 horas e sairá ás 18:00 horas do Templo Votivo de Panxón.
Panxón, ademais de parroquia, é unha vila mariñeira cuxos vestixios arqueolóxicos testemuñan a súa ocupación dende a Idade de Ferro. Esta cronoloxía na parroquia vai máis atrás: na praia de Patos atopáronse pezas talladas en cuarcita pertencentes ao Mesolítico (de 7.500 a 3.000 a. C.) e en Monteferro existen mostras de arte rupestre e muíños naviculares. Ademais, na mesma península se localizou un xacemento de época romana, período ben representado no núcleo urbano: na praia de Panxón foi atopada unha ara dedicada a Mercurio e, no Castro, antigo recinto marítimo da citada Idade de Ferro, apareceron restos dun mosaico e outras pezas que evidencian a existencia nel, cando menos, dunha vila romana.
Por último, na rúa Arco Visigótico localizáronse muros e cimentacións dun asentamento romano que algúns autores datan entre os séculos III e IV d. C. Tamén, a non moita distancia, pías para traballar o barro e restos de ánforas procedentes do Mediterráneo Oriental, síntoma do carácter comercial que asistiu ao lugar.
En resumo, a vila é un gran xacemento arqueolóxico, principalmente de época romana, á espera de ser analizado, estudado e tratado en concordancia coa súa importancia contextual.
Nesta xeira, ademais de visitar e comentar aspectos do mencionado anteriormente, trataremos o urbanismo da vila, constataremos o rexionalismo arquitectónico, tocaremos vida e obra de Antonio Palacios, coñeceremos parte da memoria construída de José Mogimes, lembraremos elementos etnográficos conservados e desaparecidos e falaremos de gamelas, mariñeiros, redeiras, costumes e tarefas relacionadas coa pesca.