O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de asfaltado dos camiños contiguos Veiga de Nandín (Parada) e Das Cancelas (Camos) cun investimento de 53.900 € a través dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dirixida a reforzar o texido social e mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais. Ambos presentaban moi mal estado de conservación, con baches e irregularidades, sendo de terra o tramo situado en Camos e de asfalto o de Parada, polo que a mellora na seguridade vial será absoluta.
A intervención consiste no reforzo do firme existente mediante mesturas bituminosas e inclúe a mellora do sistema de drenaxe en Veiga de Nandín. Estas obras, adxudicadas a Construcciones Vale, estarán rematadas nas vindeiras dúas semanas.
“Ambos camiños presentaban unhas condicións pésimas, polo que era unha demanda dos veciños da zona, que agora verán moi mellorada a comunicación nestes barrios”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que precisamente tamén cunha subvención de Agader foron asfaltados este ano en Camos os camiños de Aldeite, A Igrexa, Xuncido e Balinfra, dándolle un xiro radical ao anchearse moitos grazas as cesións da veciñanza. “Somos conscientes de que hai máis rúas que precisan melloras e seguimos traballando para anunciar en breve máis asfaltados”, avanza.
Paralelamente, a Deputación de Pontevedra está actualmente a asfaltar a rúa Padres Franciscanos de Vilariño desde a rúa Manuel González Prado ata a Avenida de Portugal, con accesos limitados a residentes. As obras, a cargo da empresa Covsa, estarán rematadas ao longo da semana próxima e a continuación intervirán nas rúas Telleira e Lagoíña (parroquia de Nigrán), tamén estradas provinciais.