10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán implantará dende o outono unha liña de autobús municipal que conectará...

    Nigrán implantará dende o outono unha liña de autobús municipal que conectará as parroquias con núcleos urbanos

    O goberno local aprobará no Pleno ordinario deste mércores o convenio coa Xunta para implantar este 'Servizo de Interese Municipal' a través da actual concesionaria Lugove, figura que se estrea na provincia

    O Concello de Nigrán dará resposta definitiva este outono á gran demanda histórica da veciñanza do interior: por vez primeira no municipio, unha liña municipal de autobús comunicará todas as parroquias cos núcleos urbanos de Nigrán, A Ramallosa, Panxón e Porto do Molle. Este fito resulta posible tras manter o goberno local diferentes reunións coa Dirección Xeral de Mobilidade e acadar finalmente que sexa incluído como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, figura que estreará Nigrán en toda a provincia e practicamente en Galicia. Isto suporá que se faga cargo a actual concesionaria Lugove logo de asinar un convenio mediante o cal o Concello achegará un tope máximo de 80.000 € anuais á Xunta (será ratificado no pleno ordinario deste mércores 27 de Xullo e podería rebaixarse o cánon en función do número de usuarios). Esta fórmula permitirá, a súa vez, que os viaxeiros se beneficien da Tarxeta de Transporte Metropolitano, é dicir, serán gratis os transbordos e todo para menores de 21 anos ou haberá as mesmas bonificacións a estudantes, xubilados ou desempregados (sen estes descontos sería 1,35 €).

    “É unha noticia histórica para Nigrán porque ao fin quedará conectado todo o rural cos núcleos urbanos. Trátase dun servizo municipal de carácter social que transformará a vida de moitas persoas das parroquias do interior, especialmente os maiores, que a día de hoxe dependen 100% do transporte privado ou taxi para calquera asunto”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que finalmente foi descartada a idea orixinal de adquirir o Concello un autobús eléctrico e contratar os condutores “por custes e complexidade de tramitación”. “Está fórmula resulta moito máis barata para as arcas municipais e é máis áxil”, insiste González, quen subliña que o beneficio desta liña rural “se mide en termos sociais e medioambientais, non económicos”.

    “O novo contrato para a concesión do transporte metropolitano non solventou en Nigrán a demanda histórica do rural pese a que así o reclamamos, por iso desde o goberno local traballamos a destallo para acadar este servizo”, incide Diego García, edil de Mobilidade responsable da xestión e quen subiña a inminencia do servizo. “O convenio o ratificaremos o mércores no Pleno e a partir de aí é só agardar a que Lugove reciba o vehículo novo”, que será unha Mercedes Sprinter carrozada etiqueta ‘Eco’ de 22 prazas máis unha adaptada.

    Tal e como demandou directamente o Concello, constará dunha liña Chandebrito-Panxón e viceversa que permitirá ao cidadáns de calquera parroquia do interior achegarse en media hora máximo aos centros de saúde ou conectarse co autobús cara a Vigo-Baiona, con especial atención ao horario de enlace coa liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e Universidade (todas estas posibilidades a día de hoxe non existen, dependen de transporte privado ou taxi).

    “O percorrido e os horarios están pensados para chegar á primeira hora aos dous centros de saúde do municipio (Xunqueira e Panxón), e ao mesmo tempo abrimos a posibilidade aos veciños das parroquias de Camos e Chandebrito de ir en autobús á Universidade de Vigo/Hospital A.Cunqueiro/Povisa, ademais de levar á xente ao centro de Nigrán e de Ramallosa, coa posibilidade de enlazar cos autobuses Vigo/Baiona, por iso transformará radicalmente para ben a vida da nosa veciñanza do rural, que poderá ao fin servirse do transporte público colectivo para facer recados, xestións ou ocio como pode ser ir á praia no verán”, explica Diego García. O edil destaca que o convenio coa Xunta é flexible, puidendo “modificarse, ampliarse e adaptarse ás necesidades concretas que se detecten”.

    O Concello plantexa 3 saídas diarias da liña Chandebrito/Panxón ás 7:45, 14:00 e 16:15 horas coas seguintes paradas: Chandebrito-San Roque de Camos-Touza-Con-Igrexa de Parada-Porto do Molle-Carrasca-Padres Franciscanos- Centro de Saúde Val Miñor-A Ramallosa-Mallón-Ureca-Nigrán Centro-Avenida Castelao-Ambulatorio de Panxón. A súa vez, a liña de regreso Panxón/Chandebrito plantéxase con saídas ás 10:30 horas, 15:15 e 20:40 horas facendo o mesmo percorrido pero á inversa. “Deseñouse de xeito que, por exemplo, unha persoa chegue a tempo ao centro de saúde a facer unha analítica ou consulta médica e poida regresar a continuación para casa”, explica García.

    “Creo que non me equivoco se digo que esta é unha nova histórica para a veciñanza de Nigrán porque ao fin podemos desde o Concello ofrecer unha solución ao problema secular de mobilidade no rural apostando polo transporte público colectivo, o que redundará nun beneficio non só social, se non tamén medioambiental”, sintetiza o alcalde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.