Concello de Nigrán e o aclamado Acanor Novás Valinox organizan o sábado 11 de setembro desde as 18:00 horas un torneo triangular no Pavillón Municipal de Panxón coa presenza tamén do Club Balonmano Zamora e Club Cisne Balonmán, todos equipos na División de Honra de Prata Masculino. O obxectivo deste evento presentado hoxe é promover este deporte nunha comarca onde actualmente non existe ningún clube de balonmán, polo que adicionalmente, desde as 15:30 horas, o paseo da praia de Panxón acollerá diferentes actividades dirixidas á infancia. A entrada aos partidos é de balde pero debe adquirirse a través da plataforma www.cluber.es, estando o aforo restrinxido ás limitacións sanitarias do momento. Trátase da primeira vez que o Acanor Novás traslada este tipo de actividade fora do seu municipio, O Rosal, tal e como subliñou o seu presidente, Andrés Senra.
Durante o torneo, no que os tres equipos se enfrontarán entre eles xogando dous partidos de dúas partes de 20 minutos, o Concello homenaxeará aos antigos xogadores do desaparecido Club Balonmano Dunas de Nigrán e a Cristina Fernández, veciña de Nigrán e primeira muller en arbitrar en Asobal e en partidos internacionais.
“O noso obxectivo é apoiar a creación dun clube de balonmano base en Nigrán para crear canteira e volver a asentar este deporte no municipio, polo que agradecemos especialmente esta proposta do Acanor”, incide o alcalde, Juan González, quen recalca a gran afección que chegou a haber entre a veciñanza. Así, na década dos 70-80 existían equipos nos tres concellos que conforman o Val Miñor, mentras que na actualidade non sobrevive ningún. “O Acanor Novás naceu no 1974, no mesmo ano que o noso clube e, de feito, competimos moito entre nos, pero a inicios dos 80 desapareceu sen relevo de xogadores porque naquel intre tiñamos que marchar a facer a mili”, recorda Cándido Costas, antigo xogador de Nigrán presente este mañá xunto con Cristina Fernández.
Sen embargo, mentras os clubes do Val Miñor, Oia e Tomiño foron desaparecendo por completo, o Acanor Novás Valiñox foi acadando éxitos e medrando no Rosal ata conquerir actualmente dez equipos en categorías de pre-benxamín a senior con máis de 100 licencias federativas.