Nigrán prepara, para esta fin de semana, unha despedida de ano que contará con todos os ingredientes precisos para satisfacer a todos e todas. Á San Silvestre Solidaria, que cada ano acada un maior número de participantes e é xa un ‘clásico’ do programa de Nadal de Nigrán, engádese un atractivo Mercadiño de Nadal na Alameda da Ramallosa, o I Certame de Rondallas e o concerto de Argonat Band.
O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran por quinto ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria o sábado 28 de decembro para despedir 2019. A proba deportiva, non competitiva, consta de 6 km e trasládase esta vez á Ramallosa como punto neural, con saída ás 18:00 horas desde a Alameda para ir a Panxón e volver.
Os interesados poderán participar achegando ese mesmo día 1 quilo de alimentos non perecedeiros para o Banco de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribuirán entre as persoas máis desfavorecidas. A proba rematará na propia Alameda cunha chocolatada e o concerto de Argonat Band (grupo de R&R e Pop configurado por oito acordeóns, violín,gaita, baixo eléctrico e batería que fan versión dos grandes clásicos baixo a dirección de Juan Bande).
A Alameda da Ramallosa será o punto neural da xornada xa que, ademais, durante toda a fin de semana se celebrará nela un mercado artesán con 30 postos, chocolatada gratuíta as 19:00 horas e animación para os máis pequenos.
O sábado dende as 12:00 terá lugar o ‘I Certame de Rondallas Concello de Nigrán’, coa participación das rondallas de Parada (Nigrán), Chaín (Gondomar) e Beade (Vigo).
Non será a única cita deportiva do fin de semana, xa que o Pavillón Municipal acolle o tradicional torneo do F.S. Panxón-Nigrán e os máis pequenos teñen unha cita musical con Ce Orquestra Pantasma o domingo 29 ás 17:30 no Auditorio Municipal.
“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés con centos de participantes edición a edición.