23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán continúa coa súa programación da memoria homenaxeando a Xohana Torres

    Nigrán continúa coa súa programación da memoria homenaxeando a Xohana Torres

    O Auditorio Municipal acollerá ás 18:00 horas do sábado a presentación do libro ‘Últimas tardes con Xohana Torres’ e o concerto posterior de M.Sancho Quartet

    O Concello de Nigrán continúa coa súa programación especial adicada á ‘Memoria’ coa homenaxe este sábado 20 de novembro a Xohana Torres (Santiago, 1931 – Vigo, 2017), unha das escritoras máis importantes da posguerra e o franquismo en lingua galega e que mantivo un especial vínculo co municipio ao pasar en Monteferro boa parte da súa vida. Anteriormente, e dentro desta mesma programación, o Concello homenaxeou ao escritor Bernardino Graña, usuario da residencia Stella Maris de Panxón desde hai décadas.

    Así, o Auditorio Municipal acollerá ás 18:00 horas a presentación do libro ‘Últimas tardes con Xohana Torres’, unha publicación que recolle unha escolma do seu poemario máis senlleiro, e o concerto posterior de M.Sancho Quartet. O acto contará coa presenza do alcalde de Nigrán, o editor e amigo persoal de Xohana, Xosé Fernández Puga, e a académica galega Ana Romaní, especialista precisamente nesta poeta, dramaturga, novelista e que foi tamén membro da Real Academia Galega.

    O Concerto posterior correrá a cargo do cuarteto liderado pola clarinetista Marta Sancho Andrés xunto á violinista Anca Smeu, o violista Timur Sadykov e a cellista Alejandra Díaz, todos eles músicos de alto nivel que forman parte das mellores orquestas nacionais e internacionais. No seu repertorio seleccionado para a ocasión, con obras de Ottorino Respighi, Jeff Smallman, Schubert, Henrik Crusel e Mangani, percorrerán o complexo proceso creativo dos escritores (o programa está a disposición dos interesados na web municipal www.nigran.es).

    Xohana Torres Fernández (Santiago de Compostela, 1931 – Vigo, 2017) pasou a infancia e parte da xuventude en Ferrol onde seu pai estaba destinado como mariño. Desde moi nova amosou un interese especial polo mundo da literatura, o teatro e a radio. Neste medio dirixiu en 1956, en Ferrol, un programa radiofónico dirixido ás mulleres, “Teresa”, e xa en Vigo e sete anos despois dirixiu o primeiro programa cultural radiofónico integramente en galego. A súa andaina literaria comezou na poesía e o seu primeiro poemario, Do sulco, foi publicado en 1957 na acabada de crear colección Illa Nova. A súa voz lírica, que está tamén presente dende nova en revistas como Aturuxo, Vida gallega ou Vieiros, valéralle no ano 1955 o Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo. En 1980 sae do prelo Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981) e, en 1992, Tempo de ría. Como poeta, no comezo do novo século tamén publicou Poesías reunidas (1957-2001) e en 2016, Elexías a Lola. A narrativa é outro dos mundos explorados por esta autora, que 1971 publica a súa única novela, Adiós, María. Un ano despois publica o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, que acadou o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña. O teatro, ao que tamén estivera moi vinculada desde moza, dedicou dúas pezas Á outra banda do Iberr, publicada en 1965 e gañadora do Premio Castelao en 1966 e Un hotel de primeira sobre o río, publicada en 1968. A literatura infantil foi outra das facetas que ocupou a Xohana Torres, así, ademais de escribir dous contos infantís, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984), traduciu, entre outros textos, O abeto valente, de Jordi Cots, O globo de papel, de Elisa Vives e Así foi, de Kipling, realizada en colaboración con Dolores Martínez, e adaptou contos universais como O traxe do emperador, O lobo de Lelo ou O demo rapatú. Ingresou na Real Academia Galega o 27 de outubro de 2001, data na que deu lectura ao preceptivo discurso de entrada que levou por título Eu tamén navegar, ao que, en nome da institución, contestou o académico Salvador García Bodaño. Aos recoñecementos e premios xa aludidos cómpre engadir o Pedrón de Ouro en 1972, o Premio da Crítica en 1982, o Premio Celanova no ano 1985, o Premio da Creación feminina en 1992, etc.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.