O Concello de Nigrán achega, durante toda esta semana, a ciencia aos centros escolares e o fai da man de recoñecidas investigadoras que teñen unha vinculación directa co municipio. Marina Vidal é, amais de concelleira de Ensino, mestra en activo e iso nótase á hora de falar de temas relacionados coa educación e o papel que, como neste caso, os Concellos poden xogar á hora de ‘ampliar horizontes’ aos nenos e nenas.
Como xurde a idea de Namórate da Ciencia?
Era unha idea que me rondaba a cabeza dende que tomei posesión como concelleira porque sempre crin que unha concellería como esta, ten que actual a modo de complemento cos colexios. Unha concellería de Educación ten que ser algo así como ‘un profe itinerante’ que forma parte de todos os centros e, dese xeito, axudar á labor dos colexios.
Dende esa perspectiva, considerabamos importantísimo que os nenos e nenas coñezan o traballo que fan os científicos en xeral e as científicas en particular; que as nenas poidan ver que aí, na ciencia, teñen unha saída profesional á que poden acceder nas mesmas condicións que os nenos.
Así que, coa idea na cabeza, Luisa Martínez, investigadora do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas) propuxo facer “algo bonito” con motivo do Día Internacional da Muller e a Ciencia e, como adoita acontecer nestes casos, a idea foi crecendo e plasmouse en toda unha marabillosa semana de actividades.
Unha vez que a idea está esbozada, preséntase aos colexios?
Así é. Presentámoslla aos colexios e teño que dicir que a acollida, tanto nos centros de primaria coma nos institutos, foi marabillosa.
Namórate das ciencias está cinguida aos centros escolares
Si pero, de cara a implicar e interesar a toda a veciñanza, temos preparada unha xornada final que sirva, por unha banda, para unir a todos os centros escolares que participaron na iniciativa e, doutra banda, para que a cidadanía poida participar.
Para iso, o que faremos será montar uns ‘pequenos laboratorios’ no Auditorio Municipal para que as veciñas e veciños poidan mirar a ciencia ‘de preto’. Logo, para rematar, faremos unha chocolatada que contribúa a pasar unha tarde dinámica, próxima e na que todo o mundo se interrelacione e participe.
A Escola Infantil As Dunas, tamén estaba incluída neste proxecto, non?
Si e a verdade é que dubidei á hora de facelo cos máis pequenos, hai que ter en conta que teñen de 3 a 6 anos, así que lle expuxen a idea á directora e lle dixen que tiña á persoa idónea para esa actividade, para explicarlles aos máis peques que era a ciencia e a investigación.
E como resultou?
Extraordinariamente ben. Tiven a oportunidade de estar alí, e as nenas e nenos estaban entusiasmados coas cousas que estaban a mirar e que lles estaban explicando. Foi unha actividade preciosa.
Namorate da ciencia en Nigrán, Semana das Ciencias en Ponteareas, Semana da Educación en Tomiño… os concellos, pese a non ter competencias estritas en ensino, parece que se implican moito máis na educación…
Iso é indubidable. Ademais da implicación enorme das mestras e mestres, as administracións cada vez toman máis conciencia da necesidade de aportar medios que contribúan a impartir unha educación en valores, unha educación que nos permita camiñar cara a unha sociedade mellor.
Namórate das ciencias, nace con vocación de continuidade?
O certo é que naceu como unha actividade puntual para este curso escolar pero logo, durante todo o traballo de planificación, chegamos a ter clarísimo que tiña que ser unha actividade con proxección de futuro. De feito, temos a idea de amplialo a outros campos que non sexan estrictamente a investigación, como neste caso, e abrir as portas a outras áreas como as matemáticas pero poñendo o foco de atención en Nigrán e o Val Miñor, con persoas vinculadas ao municipio ou á comarca.
“
“O noso traballo ten que ser ensinarlles a ser persoas críticas, competentes, que saiban desenvolverse na sociedade, que respecten a diversidade e as opinión dos demáis”
Vista esta iniciativa, demóstrase que a educación e moito máis que impartir asignaturas.
Moito máis, non. Moitísimo máis. A educación e formar personas, transmitir valores e as e os ‘profes’ temos aí un traballo importante. Aportar coñecementos é relativamente doado, pero o noso traballo ten que ser ensinarlles a ser persoas críticas, competentes, que saiban desenvolverse na sociedade, que respecten a diversidade e as opinión dos demáis. Creo que esa é a labor máis importante que temos as mestras e mestres.
Ademáis agora, nestes momentos en que algúns defenden que “aos nenos e nenas non hay que darlles demasiada información” e acusan aos profesores e profesoras de “manipulalos”, ante eso, estou plenamente convencida que manipular é precisamente o contrario, é non darlles toda a información.
Dende esa perspectiva, o noso traballo é amosarlles o que hai e logo eles e elas, de xeito crítico, terán que ser os que elixan o que queren ser ou o que queren facer coas súas vidas pero, para iso, precisan coñecer. Se se lles oculta parte da información, aí si que hai manipulación. As mestras e mestres temos, nese sentido, unha labor extraordinariamente importante á hora de, repito, transmitirlles valores, ensinarlles o diverso que é o mundo… iso é case máis importante que ensinarlles as capitais do mundo que iso xa está nos libros e na internet.